Crepúsculo, no centro da campaña do Día internacional da loita contra a violencia doméstica

78

A Concellaría de Igualdade presentou o material da campaña realizada con motivo do Día internacional de loita contra a violencia doméstica que se celebrará o vindeiro 25 de novembro. A campaña está baseada na saga Crespúsculo "que xoga en todo momento cunha linguaxe moi sexista de sometemento das mulleres", en palabras da concelleira Carmen Fouces. De feito a campaña recolle a primeira frase da saga "Todo comeza cunha elección".

Comezou co reparto de camisetas co logo QR que se repartiron entre a xente nova durante os Quince bolos das festas do verán. Segundo a concelleira de Igualdade, Carmen Fouces o obxectivo desta campaña é chegar a xente nova concienciando da problemática nestas capas de idade.

Unha vez que se activaba o código QR co smartphone saltaba un spot publicitario colgado e divulgado a través de distintos medios informáticos. O spot tivo 9.000 visitas distintas polo que a Concellaría considera unha difusión importante tendo en conta o sector ao que ía dirixido.

A segunda parte da campaña é a creación dun vídeo documental de tres minutos que servirá de base para o desenvolvemento dunha unidade didáctica que se vai divulgar nos centros educativos (nos institutos de Pontevedra) pero tamén estará a disposición de todos aqueles centros que non son de Pontevedra pero que queiran traballar con el.