A Concellaría de Benestar Social Municipal adica este ano o Día internacional dos dereitos do neno, que se celebra o vindeiro 20 de novembro, ao dereito á educación. En colaboración coa Fundación Meninos, Benestar Social Municipal organiza un ciclo de cine infantil que continúa mañá coa película “Río” ás 18.00 horas na Biblioteca Pública de Pontevedra.
A programación remata o vindeiro mércores, 28 de novembro, coa película “As aventuras de Sammy”.
Ademais, hoxe pola tarde, a Concellaría celebra o Día internacional dos dereitos do neno cun acto previsto no Teatro Principal, a partir das 18.00 horas, de entrega dos premios ao concurso de debuxo “Os soños das bolboretas” e a obra de teatro "Antía, wamba e o regato pequeno" de Tropa de Trapo, contos e música.
O concurso de debuxos fíxose entre os centros de ensino do concello coa temática "Os soños das bolboretas" na que se pretende transmitir a visión dos nenos sobre o dereito que teñen á educación. Os premios serán lotes de libros adaptados para cada ciclo escolar donados pola editorial Kalandraka e as librerías Paz, Cronopios, Escolma, El Pueblo e Seijas.