A peonalización de Benito Corbal, logo das rebaixas

74

O Concello de Pontevedra dará preferencia peonil ao tramo da rúa Benito Corbal comprendido entre as rúas Vasco da Ponte e Daniel de la Sota logo do inicio das rebaixas de Nadal. Así o anunciou esta mañá o concelleiro responsable das obras e mantemento urbano, Luís Bará que falou de continuar coas melloras na calidade urbana e na transformación dos espazos públicos aplicando as medidas de calmado de tráfico, seguridade, preferencia de mobilidade peonil ou ciclista…

No caso de Benito Corbal existía unha discordancia no uso deste espazo cun elevado tránsito peonil, o maior na cidade de Pontevedra. Para atender unha demanda dos residentes e dos comerciantes da zona, o Concello peonalizará no mes de febreiro Benito Corbal, neste tramo máis comercial.

As obras consistirán na creación dunha plataforma única con lastro e bandas de formigón pulido de cor vermella. A actuación será similar ás doutras da cidade, como a rúa Michelena.

Esta actuación supón unha reordenación do tráfico nas rúas colindantes, dado que se impedirá o paso de vehículos dende Vasco da Ponte cara Daniel de la Sota. Os vehículos poderán baixar por Vasco da Ponte cara a praza de Barcelos, e dende Branco Porto por Cruz Gallastegui, Castelao e Daniel de la Sota (as tres rúas cambian de dirección) cara Cobián Roffignac.

Esta actuación que suporá un investimento de pouco máis de 60.000 euros e comezarase logo do Nadal e pasadas as rebaixas para evitar coincidir cunhas das épocas comerciais máis importantes.

O concelleiro tamén anunciou que xa está tomada a decisión de actuar na zona de Loureiro Crespo, diante do Hospital Provincial até Antón Fraguas, pero trátase dun proxecto no que aínda traballan os servizos técnicos do Concello, e que poderá executarse no primeiro semestre do ano.