A primeira feira “PonteEmpreGO!” desborda todas as previsións de participación

52

A primeira edición da Feria de Emprego de Pontevedra, “PonteEmpreGO!”, botou hoxe a andar cunha afluencia de público masiva. A cifra dos 1.818 preinscritos ata o comezo do certame, quedou amplamente superada diante da presenza de numerosas persoas que facían cola diante do Pazo da Cultura co obxectivo de incorporarse, polo que o balanzo final de participación aínda non se coñece.
“PonteEmpreGO!”, que se celebra durante as xornadas de hoxe e mañá, é unha iniciativa da Concellería de Promoción Económica, Emprego e Turismo de Pontevedra que pretende ser un punto de encontro entre empresarios, sindicatos e Administracións públicas con emprendedores, parados e demandantes de emprego.
Ás 10,00 horas tivo lugar a cerimonia de apertura a cargo do tenente de alcalde, Antón Louro, e a concelleira responsable da área, Carlota Román. Estiveron apoiados pola presencia de Francisco Moldes e Magín Alfredo Froiz, xerentes dos dous grupos alimentarios máis importantes de Pontevedra. Ambos empresarios puxeron a nota emotiva da mañá con senllos relatos da súa carreira profesional que, en ámbolos dous casos, comezou de forma humilde e con grande esforzo. A día de hoxe Froiz conta con 4.500 traballadores e o Moldes con 500.
Carlota Román afirmou que o éxito de “PonteEmpreGO!” é tamén a medida da traxedia do paro que azouta ata os últimos recunchos da sociedade. Román, que recibiu numerosas felicitacións ao longo da mañá por ter tomado esta iniciativa, considera necesario que todas as Administracións se involucren a fondo na loita contra o paro, porque, por enriba das competencias legais que cada unha ten atribuídas, están as “competencias éticas”.
Antón Louro, na súa intervención, destacou que a palabra crise escríbese en xaponés cos caracteres das palabras perigo e oportunidade, polo que a situación actual permite que se desenvolvan ideas que en tempos de abundancia serían inviables. Destacou que vivimos tempos de cambios e a Concellería de Promoción Económica, a pesar de carecer dos orzamentos e as competencias doutras institucións, demostrou que quere moverse, e non permanecer inmóbil diante do drama social do paro.
Posteriormente, diversos conferenciantes, entre os que destacaron o orientador laboral Juan José López Peña, María Luisa Padilla, ou a consultora, Marisol Vázquez,  ofreceron interesantes charlas que serviron para arroxar un pouco de luz nestos tempos de crise con máis de oito mil parados na cidade do Lérez.
O prato forte da xornada, terá lugar esta tarde ás 17.30 horas coa conferencia do prestixioso economista, Emilio Ontiveros, presidente de Analistas Financieros Internacionales, e que disertará sobre “A procura de emprego en época de crise”. (enviarase máis información).
Un dos aspectos máis atractivos da feira é a creación dunha bolsa de emprego propia que pretende xerar un bo número de postos de traballo na época do Nadal. Carlota Román quixo ser hoxe moi prudente respecto ao número de contratacións para non xerar falsas expectativas. Por iso, engade, haberá que agardar ao remate de “PonteEmpreGO!”. Nesta bolsa participan empresas de todos os sectores: Solgest, Adecco, Nortempo, Manpower, Conforocio, Cegafor, Alliance, Grupo Moldes, Deloitte, Academia Postal, Bricoking, Ice Imaginación, Ega Consultores, Iman Temporing, Fimega, Acciona, Segurcaixa, Sacendi, La Tienda de Clara, Orienta, Banco Mediolanum, Ara Formación, Unique, Idea Consultores e Flexiplán.
Ademais, outras empresas que teñen stand na I Feria PonteEmprego son as seguintes: Cámara de Comercio de Pontevedra, AJE, AEMPE, Fundación Laboral de Construcción, COGAMI, Over the Rainbow, IGAPE, CC. OO., UGT, Banco Etchevarria, Escuela de Negocios Novagalicia Banco, Dopetel Comunicaciones, así coma a Concellería de Promoción Económica.
O prazo de inscripción todavía está aberto, e débese facer, preferentemente, enviando os datos persoais ao enderezo emprego@proxectoiles.es.
Na xornada de mañá xoves continuarán as conferencias e charlas no Salón de Actos e no Auditorio+Ideas, e seguirá aberta a bolsa de emprego para a entrega de currículums. Ente os ponentes destacan Javier Cebreiros baixo o título “Como ser feliz sen ser idiota”, e María Bobillo con “Como xorden as ideas empresariais, onde buscar”.