O Concello de Pontevedra, en colaboración co Real Automóbil Club de España (RACE), e o fabricante de pneumáticos GOODYEAR DUNLOP, lanzan a campaña "Ao cole seguros", que ten como obxectivo concienciar aos escolares sobre os desprazamentos seguros ao colexio, principalmente, como peóns, viaxeiros de transporte público e vehículo privado.
O Concello de Pontevedra participa na Campaña de ámbito nacional "Ao cole seguros", promovida polo RACE e o fabricante de pneumáticos Goodyear Dunlop na que se desenvolveu un completo material de Educación Viaria composto por: un caderno de actividades para os alumnos, unha guía multimedia para o profesorado e un peto de alta visibilidade homologado para cada escolar, co fin de facerse ver como peóns en condicións de pouca luminosidade. A Concellaría de Educación do Concello de Pontevedra distribuirá este material entre os centros educativos do concello dentro das actividades de Educación Viaria.
O concelleiro de Educación, Agustín Fernández, visitou hoxe o centro, acompañado polo coordinador de Educación Viaria do RACE, Juan Antonio Sánchez-Trillo, e do responsable de Goodyear-Dunlop, Héctor Ares. Tamén participou o director do colexio, Onofre Piñeiro. A xornada incluíu unha clase práctica nos exteriores do centro a cargo dun axente da Policía Local.
Esta campaña está inspirada no concepto "camiño escolar seguro", iniciativa baseada en dar recursos aos menores para facer máis segura e autónoma a súa mobilidade aos centros educativos. Xa que logo, tres son os obxectivos propostos: fomentar comportamentos peonís seguros e responsables, aumentar o uso dos sistemas de retención infantil no vehículo privado, e incrementar os niveis de seguridade dos escolares no transporte escolar. Para a súa consecución é fundamental implicar á comunidade educativa, pais e nais, e cidadanía en xeral.
Durante o pasado ano en España faleceron atropelados 18 nenos menores de catorce anos, o 72% en zona urbana. Por este motivo, a Campaña "Ao cole seguros" contempla, ademais do material didáctico para alumnos e profesorado, a repartición de 2.000 petos de alta visibilidade. Esta medida vai encamiñada a reducir o risco de atropelo en condicións de pouca luz (néboa, choiva intensa e durante a noite).
O 47 % dos nenos falecidos en 2011 eran pasaxeiros de vehículo a motor. Nos asentos dianteiros e traseiros, os menores cunha estatura inferior a 135 centímetros deberán utilizan sempre cadeiras de seguridade adaptadas. A sanción por non levar o sistema de retención pode alcanzar os 300 euros, e a retirada de tres puntos do permiso de condución.
O uso do cinto de seguridade en autobuses reduce as lesións mortais nun 90%.
Segundo a enquisa Movilia (Ministerio de Fomento), o 60% dos desprazamentos ao colexio, realizados polos menores de 14 anos, prodúcese a pé. Crear rutas urbanas seguras é responsabilidade de administracións públicas e cidadáns.