Carlota Román dá as gracias a todas as persoas e empresas que fixeron posible o éxito de “PonteEmpreGO!”

77

A primeira feira de emprego de Pontevedra, “PonteEmpreGO!”, pechou as súas portas na tarde de onte superando todas as expectativas iniciais. A cifra final de participantes, difícil de medir con precisión diante da avalancha rexistrada durante os dous días de duración, está en torno ás 4.000 persoas. O volume final de ofertas laborais xestionado na feira foi de 235.
Carlota Román quere dar as grazas a todas as persoas, empresas e institucións participantes, porque todas elas fixeron posible o éxito do certame. Ao tempo, agradece tamén a comprensión das persoas que tiveron que facer grandes colas para poder inscribirse e depositar os seus currículos.
Hai que entender, explica a concelleira, que nós fixemos unha feira para persoas do municipio de Pontevedra, pero, na práctica e diante da falta doutras alternativas, converteuse nun refuxio para os parados de toda Galicia. E iso resulta difícil de manexar, mesmo imposible sen a dedicación absoluta de todo o persoal da Concellería de Promoción Económica e das empresas que se sumaron a iniciativa. Engade Román que o Concello de Pontevedra non ten competencias legais en políticas activas de emprego, pero non podía permanecer impasible diante da situación que vemos todos os días na rúa.
A repercusión do certame supuxo tamén a aparición de reportaxes en numerosas emisoras de radio, Televisión Española, Telecinco, Cuatro, La Sexta e a Televisión de Galicia.
E iso a pesar de que a convocatoria de “PonteEmpreGO!” publicitouse, case exclusivamente, a través do boletín dixital de información laboral do mesmo nome. A publicación da Concellería de Promoción Económica, que recibe máis de 75.000 visitas mensuais, acadou só entre o luns e o xoves un total de 25.216 accesos.
A feira concluíu cun total de 2.887 persoas inscritas e unha estimación dunhas 1.200 que foron atendidas sen chegar a formular a inscrición a causa das largas colas diante do mostrador de acceso. Calcúlase que cada unha entregou unha media de tres currículos, polo que máis de 12.000 documentos acabaron nos postos das distintas empresas participantes.
En canto ao número de ofertas laborais partiuse dunha previsión, durante a fase de preparación, de dotar a “PonteEmpreGO!” cun mínimo de 125 postos, orientados fundamentalmente a cubrir a campaña de verán en empresas locais. A resposta das empresas superou as previsións e, así chegouse ás 235 ofertas que estiveron sobre a mesa durante os dous días do evento. Ademais, recalca a concelleira pontevedresa, trátase de postos de traballo de todo tipo de cualificacións profesionais, e moitos deles con expectativa de continuidade no tempo.
Un total de 20 empresas ou intermediadores laborais trouxeron ofertas laborais a Pontevedra. Entre elas figuran vacantes de enxeñeiros, informáticos, patronistas, operarios de todo tipo, responsables de recursos humanos, informadores turísticos, recepcionista bilingüe, técnicos de laboratorio, químicos para control de calidade, soldadores, asesores comerciais, cociñeiros, responsables de loxística e produción, técnico de comercio internacional, responsable de departamento internacional no sector turístico e un posto de Community Manager.
Carlota Román conclúe que a experiencia destes dous días foi moi enriquecedora e servirá para mellorar de cara a próximas edicións. A concelleira está decidida a manter a feira de emprego na súa programación anual, polo menos mentres persista a terrible situación económica que estamos a padecer. Diante da crise, recalca Román, caben dúas opcións: lamentarse e quedar parados ou facer cousas, cada un na medida das súas posibilidades. A Concellería de Promoción Económica manexa un orzamento moi modesto, pero queremos gastar os cartos o mellor posible e sempre apuntando cara o que demandan os cidadáns, conclúe.

Relación completa de postos ofertados na bolsa de emprego neste enlace:
https://www.proxectoiles.eu/PONTEemprego/Boletin/Ofertareferencia.pdf