O sector turístico pontevedrés aprende a promocionarse na Internet da man do I Congreso “Ponte na Rede”

43

O cada vez máis conectados mundos do turismo e da Internet son obxecto de debate durante dos días en Pontevedra. O I Congreso “Ponte na Rede” quedou inaugurado hoxe pola concelleira de Promoción Económica, Emprego e Turismo, Carlota Román.
Expertos de toda España disertarán sobre o feito da enorme influencia que os Social Media teñen á hora da planificación, preparación, goce e, mesmo a recreación das viaxes e as escapadas de fin de semana.
Carlota Román afirmou durante o acto inaugural que hai que facer o posible e o imposible para que todo o mundo saiba que Pontevedra é a capital das Rías Baixas e que temos moito que ofrecer ao visitante.
Na súa intervención fixo un repaso polos últimos fitos da política turística municipal, especialmente no que atinxe á creación da Oficina de Congresos, destinada a facilitar e incentivar a celebración na cidade de eventos relacionados co turismo de negocios.
Aludiu ao papel preponderante de Pontevedra na organización de grandes eventos deportivos e concluíu coa proxección do vídeo “Pontevedra es un amor”, que ten superado os 40.000 visionados na Rede, converténdose así no vídeo máis relevante sobre un destino turístico en Galicia.
O Congreso, que quedou inaugurado cun “tweet”, conta coa asistencia de 120 profesionais do sector turístico. En canto aos expertos, hoxe contou coa participación do director do Elche Convention Bureau e responsable de “VisitElche”, Raúl Sánchez Tarí; Clara Soler, blogueira e fundadora de “Turistícate”; Joaquín Esparza, director de “Even-Sensaciones a la carta”; Marisa López, xerente de Turismo de Ferrol, Abilio Álvarez; presidente de Agavi; César Ballesteros, presidente de Asehospo e un dos hoteleiros máis innovadores de Galicia: Francisco Graña.
Para a xornada de mañá está previsto o prato forte, coa presenza de Diego Pons, blogueiro, viaxeiro, lutier (vén de arranxar unha guitarra de Silvio Rodríguez) e que ten cobrado fama polo seu sitio web e canal de Youtube “Viajando con Diego”, onde contribúe a posicionar destinos dende unha perspectiva alternativa. Previamente intervirán José Alcañiz, de “Buscadestinos”; Iñaki Gaztelumendi, ex xerente de Turismo de Santiago e consultor de “Tangible” e Roberto Pérez Marijuán, experto en “couching” e que falará sobre as aplicacións do neuromárketing para captar clientes.