A rapeira Aid achegará mañá a un cento de alumnos do Sánchez Cantón os segredos do hip hop en galego

47

A rapeira Aid continúa este luns, 26 de novembro, cos obradoiros da Concellaría de Normalización Lingüística para que os adolescentes de Pontevedra unan a lingua galega coa linguaxe musical do rap. Será un obradoiro dirixido a un cento de estudantes do IES Sánchez Cantón que se celebrará no propio centro entre 16.30 e 18.15 horas.
Con estes obradoiros preténdese dinamizar o uso do galego entre a xente nova; ligar o uso do galego á música e á expresión creativa, como ámbitos de interese para a mocidade; incentivar a creación en lingua galega; achegar a mocidade a novos ámbitos de uso para a lingua galega; e dar a coñecer o rap e o hip-hop feitos en galego.
Ao remate dos obradoiros que impartirá a rapeira Aid, está previsto un concerto para todo o alumnado que participou nas actividades. O concerto será no mes de xaneiro, no Teatro Principal de Pontevedra. Aid compartirá escenario con músicos do Local de Ensaios de Pontevedra.
Os obradoiros desenvolveranse a partir do libro-disco da rapeira Aid titulado Rapoemas, editado este ano en Galaxia. O libro baséase en poemas de clásicos galegos como Rosalía, Curros, Manuel Antonio e Cunqueiro, musicados coa forza do hip hop. Os participantes traballarán o proceso de creación de letras, traballando os ritmos e as métricas.
Aida Alonso Iglesias, Aid, é cantante e compositora de hip-hop e música urbana. Naceu en 1990, en Vigo. Aos 12 anos comezou a facer gravacións caseiras de rap. En 2007 lanza a súa primeira maqueta e en 2008 gaña a IV edición do Festival Heineken Geenspace, en Valencia, por diante de máis de 1.300 grupos, converténdose na primeira rapeira que o acada e na artista máis nova que o logra. Desde entón, non deixou de compoñer, cantar, editar e gañar concursos. Entre outros traballos, destacan a elaboración de obradoiros de hip hop en centros culturais e de ensino galegos e o seu traballo como reporteira e locutora en medios locais. Na actualidade tamén estuda Enxeñaría de Telecomunicacións na Universidade de Vigo.