A rapeira Aid achegará mañá a un cento de estudantes os segredos do hip hop en galego

90

A Concellaría de Normalización Lingüística inicia mañá dez obradoiros para que máis de 200 adolescentes de Pontevedra unan a lingua galega coa linguaxe musical do rap. Con estes obradoiros preténdese dinamizar o uso do galego entre a xente nova; ligar o uso do galego á música e á expresión creativa, como ámbitos de interese para a mocidade; incentivar a creación en lingua galega; achegar a mocidade a novos ámbitos de uso para a lingua galega; e dar a coñecer o rap e o hip-hop feitos en galego.
Esta actividade insírese na programación da Concellaría de Normalización Lingüística para promover o uso do galego entre a xente nova. Dos dez obradoiros, sete organízanse en colaboración cos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (ENDL) dos centros de ensino secundario de Pontevedra; outros tres están dirixidos aos grupos de música que utilizan o Local de Ensaios do Concello.
En todos os casos a rapeira Aid será quen dirixa e imparta os obradoiros durante 50 minutos. Ao remate dos obradoiros, está previsto un concerto para todo o alumnado que participou nas actividades. O concerto será no mes de xaneiro, no Teatro Principal de Pontevedra. Aid compartirá escenario con músicos do Local de Ensaios de Pontevedra.
Os obradoiros comezarán mañá ás 11.15 h, no IES A Xunqueira II, e ás 13.35 horas no IES A Xunqueira I. Os demais obradoiros serán o luns 26 de novembro e o venres 30 de novembro, con alumnado dos IES Sánchez Cantón e Frei Martín Sarmiento.
Os obradoiros desenvolveranse a partir do libro-disco da rapeira Aid titulado Rapoemas, editado este ano en Galaxia. O libro baséase en poemas de clásicos galegos como Rosalía, Curros, Manuel Antonio e Cunqueiro, musicados coa forza do hip hop. Os participantes traballarán o proceso de creación de letras, traballando os ritmos e as métricas.
Aida Alonso Iglesias, Aid, é cantante e compositora de hip-hop e música urbana. Naceu en 1990, en Vigo. Aos 12 anos comezou a facer gravacións caseiras de rap. En 2007 lanza a súa primeira maqueta e en 2008 gaña a IV edición do Festival Heineken Geenspace, en Valencia, por diante de máis de 1.300 grupos, converténdose na primeira rapeira que o acada e na artista máis nova que o logra. Desde entón, non deixou de compoñer, cantar, editar e gañar concursos. Entre outros traballos, destacan a elaboración de obradoiros de hip hop en centros culturais e de ensino galegos e o seu traballo como reporteira e locutora en medios locais. Na actualidade tamén estuda Enxeñaría de Telecomunicacións na Universidade de Vigo.