O Concello de Pontevedra felicita ás asociacións que denunciaron o Decreto do Plurilingüismo

62

O Concello de Pontevedra felicita as asociacións A Mesa pola Normalización Lingüística, a Plataforma Queremos Galego e CIG-Ensino pola iniciativa social de denunciaren o vixente Decreto do plurilingüismo, que regula o uso do galego no ensino en Galiza. Esta iniciativa social recolle a sensibilidade da meirande parte das galegas e galegos de cara á lingua galega.

Unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de darlles a razón ao derrogar dous dos artigos impugnados. Hai cinco máis denunciados, pendentes de resolución xudicial. 

A Lei de normalización lingüística (1983) ou o Plan xeral de normalización da lingua galega (2004) protexen as políticas de impulso do uso do galego; tamén as protexían os decretos que regulaban o uso da lingua galega no ensino anteriores ao agora vixente. A perda continua e progresiva do uso do galego como primeira lingua entre a xente nova era o espírito que inspirou as normas legais anteriores ao decreto do plurilingüismo; esta tendencia mantense hoxe en día, polo que o Decreto do plurilingüismo basea a súa redacción na irrealidade da igualdade de facto entre as dúas linguas. 

Por iso o Concello de Pontevedra aplaude a decisión do alto tribunal e considera que é de sentido común que as normas permitan impulsar medidas positivas que corrixan as situacións reais de desigualdade entre as dúas linguas.