Uns 10.000 pensamentos e ciclamens enchen de cor os parques e zonas verdes da cidade

63

A Concellaría de Parques e Xardíns, que xestiona Anxos Riveiro, quere encher de cor os parques e xardíns da cidade durante o inverno. Até a chegada da primavera as zonas verdes do casco urbano, dos barrios e das entradas á cidade gozarán das cores de 10.000 pensamentos e ciclamen.

O departamento de Parques e Xardíns está a plantar dende hai unhas semanas arredor de 10.000 pensamentos e ciclamens para encher de cores brancas, vermellas, azuis, laranxas… seguindo as combinacións máis vistosas nos macizos da Praza da Ferraría, as Palmeiras, en San Roque, Concepción Areal, Daniel de la Sota, avenida de Compostela… entre outros moitos puntos da cidade.

A concellaría  busca a variedade cromática destes espazos públicos coa necesaria plantación de flor de tempada, contribuíndo á mellora da calidade paisaxística da cidade, así como no ánimo dos pontevedreses que poderán ver os xardíns e parques en perfecto estado.

Ao igual que en anos pasados, esta primeira plantación verase complementada coa plantación de bulbos (tulipáns e narcisos) que se fará en próximas semanas, e que contribuirá a mellorar os parques da cidade a partir de febreiro ou marzo, cando empecen a florecer.