Visita aos enterramentos Neolíticos e da Idade de Bronce de Castiñeiras

64

A Concellaria de Patrimonio Histórico continúa esta mañá coas xornadas de patrimonio funerario ao longo da historia coa visita comentada aos enterramentos megalíticos da Chan de Castiñeiras (parroquia de San Martiño de Vilaboa) e a Chan da Armada (parroquia de Santomé de Piñeiro, en Marín), situados na contorna do Lago de Castiñeiras.

O arqueólogo municipal Xoán Carlos Castro é o guía desta visita xa que foi director das excavacións arqueolóxicas que foron realizadas nestes monumentos no ano 2008.

Trátase dunha visita de carácter divulgativo para coñecer un dos conxuntos de mámoas de máis interese de Galicia, obxecto de excavación arqueolóxica e rehabilitación nos últimos anos. As mámoas son enterramentos que datan do Neolítico e principios da Idade do Bronce, é dicir, de hai entre catro e seis mil anos. Maioritariamente son enterramentos colectivos, sendo esta unha das súa características definitorias, e se levan a cabo nunha estrutura soterrada baixo un túmulo de terra.

Se ben a variabilidade desta arquitectura é moi grande, destacan as grandes cámaras megalíticas, como o famoso Dolmen de Dombate, construído con grandes laxes de pedra fincadas no terreo. Deste tipo de enterramentos veranse dous dos exemplos máis senlleiros que hai en Galicia: a Mámoa do Rei en Chan de Castiñeiras (Vilaboa) e a mámoa de Chan de Armada (Marín).

O roteiro terá unha lonxitude aproximada duns 6,5 quilómetros, e permitirá ver un total de 15 destes túmulos funerarios. A dificultade do percorrido é baixa, de xeito que é accesible para case todos os públicos.