O Concello mellorará a seguranza viaria e accesibilidade na rúa Loureiro Crespo

70

O concelleiro delegado da zona urbana, Luís Bará mantén esta tarde varias reunións con asociacións de veciños e comerciantes da zona leste da cidade para presentar os novos proxectos que o Concello ten previsto nesta zona da cidade. O acondicionamento do local social da Parda, o proxecto de seguranza viaria e accesibilidade na avenida de Lugo e a mellora da accesibilidade en Loureiro Crespo son os temas que abordará nas reunións programadas entre as 18 e as 20 horas. Irá acompañado dos concelleiros Anxos Riveiro e Miguel Filgueira.

Ás 18.00 horas mantén unha reunión coa Asociación de veciños Manuel Quiroga para presentarlles o proxecto de acondicionamento do local social do barrio, situada na praza da Zítara, no que comezará a traballarse nos vindeiros días. Trátase dun local de 450 metros cadrados que será empregado polo tecido asociativo o barrio. Terá diversos espazos: sala multiusos, despachos, almacén, aseos, zona de xogos infantís, salón, sala de estar ou cafetería, biblioteca.

Este baixo cubrirá todas as necesidades que ten unha asociación en permanente crecemento como a de Manuel Quiroga, así como do resto de entidades do barrio. Cabe lembrar que o Concello cederá o uso do local para os veciños, pero sempre se reservará a propiedade e a posibilidade de realizar calquera actividade neste local.

O Goberno Local aposta por seguir ofrecendo aos veciños espazos de encontro e asociación, especialmente importantes nestes momentos socialmente tan comprometidos. A construción e acondicionamento de espazos veciñais segue sendo unha das liñas de actuación do Goberno municipal, como xa demostrou con outras instalacións municipais de uso veciñal que se puxeron en marcha nos últimos anos en distintos barrios e parroquias, e coas que están pendentes como esta da Parda ou o local social dos veciños do Burgo.
Seguranza viaria e accesibilidade en Loureiro Crespo

Ás 19.00 horas, os concelleiros manteñen unha reunión cos comerciantes de Loureiro Crespo (entre o cruzamento con Doce de novembro e a avenida de Lugo) para coñecer as peticións do comercio da zona para colocar medidas de calmado do tráfico e accesibilidade na rúa: instalacións de lombos e ourellas nos pasos de peóns. O Concello ten previsto encargar un proxecto para aplicar estas medidas que se poderán realizar no primeiro semestre de 2013.

O concelleiro tamén trasladará á Policía Local a petición de realizar un estudo de reordenación da carga e descarga en toda a rúa, seguindo as demandas que fixeron os comerciantes desta rúa.

Luís Bará tamén comprometeu a colaboración do Concello, a través da Concellaría de Festas, que xestiona Carme da Silva, nunha actividade de dinamización prevista nesta zona nas vésperas de Nadal.


Beirarrúas na avenida de Lugo

A última das reunións será cos veciños da avenida de Lugo aos que lles presentará o proxecto de seguranza viaria e accesibilidade previsto entre a rotonda de Xoán Carlos I (Rúa Carrasqueira) e o acceso ao colexio Vilaverde. Trátase dunha zona cun problema real de falta de beirarrúas en todo este ámbito, de feito moitos dos peóns teñen necesidade de entrar na estación de servizo para poder pasar pola zona.

Está prevista a construción de beirarrúas coas pertinentes medidas de seguranza e accesibilidade, cun coste de case 76.000 euros.