A cidade acolle o XII Trofeo Cidade de Pontevedra de Baile Deportivo

76

Pontevedra acolle este domingo o XII Trofeo Cidade de Pontevedra de Baile Deportivo, organizado polo club de Baile Deportivo Pasos-Bailegalicia coa axuda da Concellería de Deportes. Máis de 100 parellas, chegadas dende distintos puntos de España, participarán no certame.
A competición celébrase no Pavillón Municipal de Deportes entre as 12 horas e as 20 horas. A entrada ten un custo de seis euros, con descontos para menores e xubilados.
O concelleiro, Agustín Fernández, presentou o torneo acompañado do seu coordinador Miguel Abreu Fernández, director do club. Fernández reivindicou a importancia deste tipo de trofeos para a dinámica deportiva da cidade. Estamos afeitos a falar de grandes eventos e competicións de rango nacional, pero non podemos esquecer este outro tipo de competicións, de menor formato, que ao longo do ano traen a Pontevedra a moitos miles de persoas. Engadiu que o Concello ten a obriga de apoiar aos clubs, que son a masa crítica que permiten a organización do programa deportivo anual e, ao tempo, diversifican a oferta nunha cidade na que a variedade é o sinal de marca.
Abreu explicou que a competición é puntuable para o ránking nacional da Federación Española de Baile Deportivo.
Ao tempo, terá lugar un Open Internacional de bailes latinos e standard, no que participarán parellas galegas e portuguesas, ademais dalgún representante doutras comunidades autónomas.
A competición terá dous bloques:
Bailes Standard (mais clásicos), Vals Inglés, Tango, Vals Vienés, Slow Fox e Quickstep.
Bailes Latinos: Samba, Chachachá, Rumba, Pasodobre e Jive.
Divídese tamén en diferentes categorías de nivel, dende a G e H, seguindo pola 1ª e 2ª Territorial e Nacionales C, B, AN e A Internacional. E de idade, Benxamíns (Menores de 10 anos), Xuvenís (11 e 12 anos), Junior (13 a 15 anos), Youth o Mocidade (16 a 18 anos), Adultos (maiores de 18 anos) e Senior (maiores de 35 anos).
O nivel de participación será moi bo, con parellas finalistas e campións de España en diferentes categorías. E agárdase contar coa participación dos pentacampións de España, Adrián Esperón (Pontevedra) e Patricia Martínez (Mos) do Club Pasos-Bailegalicia, aínda que non é seguro, dado que se atopan en Melbourne (Australia) participando nos Campionatos do Mundo Standard.