Unha auditoría enerxética apunta medidas para aforrar 10.000 euros ao ano no Mercado de Abastos

69

Unha auditoría enerxética realizada no Mercado de Abastos recomenda a realización de melloras para optimizar o sistema de iluminación, produción de Auga Quente Sanitaria e de enerxía fotovoltaica. Unha vez realizadas, o edificio converteríase nunha instalación eficiente e acadaría un aforro enerxético anual duns 10.000 euros.
As actuacións, que a Concellería estuda implantar gradualmente, terán tamén claras repercusións medioambientais, ao evitar a emisión á atmosfera (vía redución do consumo enerxético) de 36,6 toneladas de dióxido de carbono. Román destacou a importancia de seguir as recomendacións da Unión Europea e o protocolo de Kyoto, apostando polas enerxías renovables e reducindo a pegada de carbono e o efecto invernadoiro.
A concelleira destacou que, como xa explicou hai varios meses, o Mercado de Abastos xera un déficit anual de 200.000 euros, polo que irán acometéndose iniciativas para intentar equilibrar as súas contas. A primeiro delas, é esta auditoría enerxética que o seu departamento realizou cun investimento de 4.500 euros, gracias a unha subvención do 25% achegada polo Instituto Enerxético de Galicia.
A concelleira de Promoción Económica, Emprego e Turismo, Carlota Román, recibiu hoxe o estudo, elaborado pola Fundación Axencia Intermunicipal da Enerxía de Vigo (Faimevi), entidade creada en 2004 polo impulso de varias entidades públicas e privadas e baixo o protectorado da Consellería de Innovación e Industria. Ana Belén Albo, responsable da área técnica puxo sobre a mesa as distintas medidas que a Concellería pode implementar para chegar a este aforro. O investimento preciso acada os 87.480 euros, que o Concello recuperaría en 8,6 anos ao producirse un aforro anual de 10.000 euros na factura enerxética. As distintas actuacións realizaranse progresivamente, en función das posibilidades orzamentarias.
A auditoría propón substituír a totalidade das 530 lámpadas fluorescentes existentes no edificio municipal por outras máis eficientes ou, no mellor dos casos, por lámpadas led.
A maiores suxírese a instalación de dous sistemas solares térmicos para a produción de Auga Quente Sanitaria.
Finalmente, apóstase por unha instalación fotovoltaica, composta por 48 paneis, montada sobre os dous lucernarios centrais do inmoble, cunha superficie total de captación de 77 metros cadrados.
Carlota Román destacou que a instalación de paneis na cuberta do Mercado para produción de AQS e electricidade requerirá de autorización ao tratarse dun inmoble catalogado e incluído dentro do ámbito do Plan Especial do Centro Histórico (Peprica).
Por outra banda, a auditoría deixou clara a rendibilidade das obras realizadas no ano 2010 para optimizar o consumo eléctrico no Mercado. Xa daquela, a ex concelleira Celia Alonso encargou unhas obras, valoradas en 72.025 euros, que permitiron diversas melloras, entre elas a montaxe dunha batería de condensadores que actúa como fonte de enerxía reactiva, evitando así as penalizacións tarifarias por parte da compañía subministradora causadas polos picos de consumo que se producen polo accionamento dos motores de refrixeración
Os datos contrastados polos técnicos de Faimevi constataron que a factura eléctrica do Mercado de Abastos reduciuse dende os 45.669 euros no ano 2010 a 36.982 no ano 2011.
Finalmente, a auditoría realiza unha serie de recomendacións para a redución do consumo de auga, que deberían reflectirse nun plan interno de xestión e uso eficiente da auga.