Carlota Román dá a benvida a 45 novos alumnos do proxecto de formación e inserción laboral “ILES”

70

A visita da concelleira de Promoción Económica, Emprego e Turismo, Carlota Román, deu comezo á segunda quenda dos itinerarios formativos e de inserción laboral do programa municipal “Iniciativa Local de Emprego Social” (ILES).
A concelleira compartiu a mañá co alumnado dos cursos de Atención sociosanitaria a persoas maiores dependentes (365 horas), Coidador de persoas con discapacidade física e/ou psíquica (365 horas) e Limpador de inmobles (335 horas). En total, 45 novas persoas que se suman ás 60 dos catro primeiros itinerarios e  que xa están a piques de completar a súa formación.
Os participantes foron seleccionados entre titulados de ciclo medio en coidados auxiliares de Enfermería ou diplomados en Enfermería para os dous primeiros casos. No curso de limpador de inmobles deuse preferencia aos grupos de idade dos menores de 30 anos e maiores de 45, xunto coas persoas en risco de exclusión social. Todos cumpren os requisitos de estar en situación de desemprego e empadroados en Pontevedra.
Carlota Román animou aos novos participantes a aproveitar a formación que se ofrece no ILES. Destacou a profesionalidade e a calidade da proposta municipal, que acada, ano tras ano, non só un elevado índice de valoración entre os alumnos, senón tamén índices de inserción laboral superiores ao 50%. “Buscamos xente motivada para formala e empresas responsables nas que podan completar a súa aprendizaxe e, se é posible, quedar a traballar”, explicou.
A concelleira destacou que o segredo do ILES está na capacitación do cadro directivo e docente. O equipo está formado por un director, tres orientadoras laborais, dúas técnicos en creación de empresas e unha administrativa.
O proxecto ILES conta cun orzamento global de 1.363.624 euros. O Ministerio de Política Territorial e Administración Pública e o Fondo Social Europeo achegaron unha subvención de 1.090.899 euros. O programa estará operativo ata o próximo ano 2013. Nesta nova andaina formarase e tentarase formar e insertar laboralmente a un total de 390 persoas.