Comeza o curso Emprende do programa de Xuventude Pisando forte

72

A Concellaría de Xuventude, que xestiona Demetrio Gómez, continúa o programa de formación Pisando Forte co Obradoiro "Emprende: iniciativas xuvenís emprendedoras transfronteirizas" no que participarán 16 mozos e mozas de idades comprendidas entre os 16 e 35 anos.

O proxecto Emprende ten por obxectivo apoiar á mocidade emprendedora de Galicia e Norte de Portugal, a través de mecanismos destinados ao asesoramento a emprendedores na posta en marcha dos seus proxectos, co fin de dinamizar a economía e o emprego neste territorio. 

O obradoiro consta dunha sesión presencial teórica que terá lugar mañá xoves 29 en horario de 17 a 20h. na Casa Azul. A primeira parte consistirá nunha ponencia que impartirán orientadores/as do Gabinete de Iniciativas Xuvenís Transfronteirizas, onde se falará do perfil da persoa emprendedora, da definición e posta en marcha da idea  (plan de empresa, presentación, recursos, …), ademais de amosar unha serie de casos prácticos. Na segunda parte, terá lugar un espazo para a reflexión e o asesoramento individualizado das iniciativas que se plantexen durante o obradoiro. 

Por outra banda, onte rematou o "Curso de Oratoria", formación sobre comunicación e estratexias para falar en público e perder o medo escénico, no que participaron 18 mozos e moza de idades comprendidas entre os 17 e os 35 anos. Dicir que era a primeira vez que se plantexaba este obradoiro dentro do Pisando Forte e que contou con moi boa aceptación entre a poboación nova xa que foi o primeiro das 12 accións formativas en cubrir as prazas dispoñibles.

As persoas participantes destacaron a gran utilidade da formación adquirida para a súa formación persoal, académica e profesional,  e solicitaron unha segunda parte do obradoiro xa que houbo moitos aspectos nos que lles gustaría profundizar aínda máis, tal e como a posta en escena e práctica de discursos elaborados por eles/as mesmos/as. 

O curso de Oratoria foi impartido pola psicóloga Mónica Couso Fuentes e contou tamén coa asistencia e colaboración do alcalde Miguel A. Fdez Lores e do xornalista Álex Espiño. Ambos asistiron a cadansúa sesión a petición do grupo e respostaron ás cuestións que lles plantexaron, ademais de achegar fórmulas e técnicas que eles utilizan ou teñen en conta á hora de dispoñerse a falar en público.
Por outra banda, no mes de decembro e xaneiro continúa o Pisando Forte cos cursos de "Facturación e control de almacén", "Agricultura ecolóxica" e o curso de "Monitores/as de tempo libre" que xa está en marcha.

A Oficina de Xuventude destaca a boa aceptación que está tendo o programa Pisando Forte, que este ano incrementou notablemente as accións formativas, dándolle aínda maior peso á formación orientada ao emprego e a mellorar as competencias persoais para ter polo menos a posibilidade de optar ao mercado laboral, especialmente difícil para o colectivo da xente nova.