Froiz e Aquagest, patrocinadores do Pazo

30

O alcalde de Pontevedra e presidente do Pazo da Cultura, Miguel Anxo Fernández Lores recibiu esta mañá a José Manuel Álvarez Gil (apoderado de Distribuciones Froiz) e Enrique Font Martínez (Director Territorial de Galicia – Aquagest). Ambos asistiron en calidade de representantes dos patrocinadores do organismo autónomo para asinar o convenio de colaboración para o ano  2012.

O acordo alcanzado nesta reunión entre o Concello de Pontevedra, Distribuciones Froiz, S.A, Aquagest Promoción Técnica y Financiera de Abastecimientos de Agua, S.A e outra entidade que non quixo facer pública a súa colaboración,  ascende a un total de 16.010,12 €.  A cantidade aportada (10.000€, 3.005,06€ e 3.005,06 respectivamente) permitirá que xunto ao esforzo salientable por parte da xerencia do OO.AA. Pazo da Cultura, se poida manter a programación que cada ano conta cun presuposto máis axustado. 
Miguel Anxo Fernández aproveitou a ocasión para manifestar o seu agradecemento ás empresas pola súa aportación e aos responsables da do Pazo da Cultura pola optimización dos seus recursos xa que, segundo comentou, a redución do presuposto ronda o medio millón de euros, que noutros tempos contaba con aportacións de outras entidades como Caixanova (300.000€), Caixagalicia (60.000€) e Deputación de Pontevedra (60.000).