Normalización remata os obradoiros da rapeira Aid ante 100 alumnos do Frei Martín Sarmiento

56

A Concellaría de Normalización Lingüística remata mañá os obradoiros da rapeira Aid no IES Frei Martín Sarmiento. Serán dúas sesións nas que participarán 100 alumnos dende as 11.30 horas.
Con estes obradoiros preténdese dinamizar o uso do galego entre a xente nova; ligar o uso do galego á música e á expresión creativa, como ámbitos de interese para a mocidade; incentivar a creación en lingua galega; achegar a mocidade a novos ámbitos de uso para a lingua galega; e dar a coñecer o rap e o hip-hop feitos en galego.
Os obradoiros desenvolveranse a partir do libro-disco da rapeira Aid titulado Rapoemas, editado este ano en Galaxia. O libro baséase en poemas de clásicos galegos como Rosalía, Curros, Manuel Antonio e Cunqueiro, musicados coa forza do hip hop. Os participantes traballarán o proceso de creación de letras, traballando os ritmos e as métricas.
Aida Alonso Iglesias, Aid, é cantante e compositora de hip-hop e música urbana. Naceu en 1990, en Vigo. Aos 12 anos comezou a facer gravacións caseiras de rap. En 2007 lanza a súa primeira maqueta e en 2008 gaña a IV edición do Festival Heineken Geenspace, en Valencia, por diante de máis de 1.300 grupos, converténdose na primeira rapeira que o acada e na artista máis nova que o logra. Desde entón, non deixou de compoñer, cantar, editar e gañar concursos. Entre outros traballos, destacan a elaboración de obradoiros de hip hop en centros culturais e de ensino galegos e o seu traballo como reporteira e locutora en medios locais. Na actualidade tamén estuda Enxeñaría de Telecomunicacións na Universidade de Vigo.