O alcalde solicita a Medio Rural a paralización do reparto dos dereitos de viñedo e a revisión do rexistro vitícola

61

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores envioulle á Consellería de Medio Rural e Mariño unha solicitude para paralizar o reparto dos dereitos de viñedo e revisión do rexisto vitícola ao facerse eco da petición da Federación Provincial de Furancheiros e Viticultores de Pontevedra.

Nesta petición os profesionais amosaban a súa preocupación polas consecuencias da inminente publicación da orde da Consellería sobre o reparto de 200 hectáreas de dereitos de viñedo da reserva galega que proceden da área de viñedos da penísula do Morrazo e dos concellos de Poio, Pontevedra e Redondela, que están fora de Denominacións de Orixe ou de Indicacións Xeográficas Protexidas, polo que non poden acceder aos dereitos de reparto.

A Federación estima que das máis das 1.800 hectáreas recoñecidas nestas áreas, están pendentes de rexistrar e identificar arredor dun 60%, o que pode supoñer un agravio comparativo para os viticultores da zona que non poden acceder ao reparto.

O alcalde explica que estes profesionais teñen intención de cursar a solicitude de crear unha Indicación Xeográfica Protexida de Viños da Terra para viticultura dos concellos sinalados. Polo tanto, indícalle á Consellería que “semella procedente e de xustiza esperar a que se curse e resolva a referida solicitude para proceder ao reparto”.

Ante esta situación, o alcalde solicita a “paralización do reparto dos dereitos de viñedo previsto coa simultánea apertura dun prazo para revisar o Rexisto Vitícola de Galicia, co fin de que os veciños interesados deste Concello, poidan elevar as correspondentes reclamacións para a corrección de erros, eivas, insuficencias, ou omisións no obxectivo de preservar o potencial vitícola deste concello e da súa bisbarra”.

Tamén interesa que se remita ao Concello “a información precisa que permita identificar as fincas vitícolas, cos números de polígono e parcela, ofrecendo a colaboración do Concello para proceder a unha explotación ao público que permita aos veciños informarse do procedemento e revisar polo miúdo o rexisto vitícola no que afecta ao termo municipal”.