Pontevedra rende homenaxe ao exemplo vital de Ramón Escudeiro: xadrecista, judoka, músico e estudante invidente

40

A traxectoria de Ramón Escudeiro Tilve, un singular mozo pontevedrés que, a pesar da súa cegueira destacou na práctica do xadrez e o judo, terá unha merecida homenaxe coa celebración do I Open Internacional de Xadrez “Memorial Ramón Escudeiro Tilve”. O torneo terá lugar nas instalacións do Casino Mercantil e Industrial entre os próximos luns, día 5, e o venres, día 9.
O concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, presentou hoxe a iniciativa acompañado do presidente presidente  do Mercantil, Roberto José Vega, e do club escola Xadrez Pontevedra, Daniel Rivera.
Ramón Escudeiro, cego dende os dous anos, faleceu o pasado mes de xullo. Da súa valía dá conta o feito de que foi quen de disputar varias simultáneas  de xadrez e chegou a colgarse a medalla de bronce no Campionato do Mundo junior de Judo para cegos. O seu repentino pasamento, cando só contaba con 20 anos, impediulle cumprir o seu soño de participar nos Xogos Paralímpicos de Río de Xaneiro, en 2016.
Agustín Fernández aplaudiu a idea deste torneo. Cualificouno como unha “fermosa homenaxe a un rapaz exemplo de motivación e superación”. “Loitou tamén na súa vida”, engadiu, “e deixou unha pegada imborrable, unha estela para todos os seus compañeiros, amigos e persoas que tiveron a fortuna de coñecelo”.
Daniel Rivera destacou que Ramón estudaba tamén Fisioterapia e era membro dunha banda de “Metal”. “En 20 anos de vida non se lle escoitou unha queixa e ata o último momento xogou ao xadrez, mesmo cando o avance da súa enfermidade lle impedía a práctica do judo”.
Neste I Memorial Ramón Escudeiro participarán destacados mestres nacionais como Juan Carlos Gil e o campión galego Pablo García. Tamén está confirmada a asistencia dunha importante delegación da ONCE.
As partidas poderán presenciarse Online na web do club www.xadrezpontevedra.com.
O torneo repartirá un total de 875 euros en premios e material didáctico.
Xogarase polo sistema suízo a sete rondas. Os emparellamentos serán aleatorios e decididos por un programa informático homologado. No caso de superar os 70 participantes engadiríase unha rolda o día 9 pola tarde. A cifra máxima é dun cento de xadrecistas.
O ritmo de xogo será de 90 minutos máis 30 segundos de incremento por xogada. Permitirase un tempo de demora de 15 minutos respecto da hora de inicio da rolda.
As inscricións deben realizarse no enderezo escola@xadrezpontevedra.com ou no teléfono 650645318. O custo é de 20 euros na categoría xeral, 15 na sub16 e socio EXP. Os xogadores con título GM/MI/MF ou ELO FIDE igual ou superior a 2.300 terán acceso gratuíto.
O primeiro clasificado xeral levará 250 euros máis trofeo. Repártense  premios en metálico ata o sétimo clasificado.
Os dous primeiros clasificados en amateur (sub 2000) obterán 100 euros máis trofeo e 50 euros, respectivamente.
Nas categorías de sub 16 a sub 8 haberá medalla e material didáctico.
Concederase tamén o premio Ramón Escudeiro Tilve á mellor partida de ataque. Para optar, o xogador interesado deberá entregara partida candidata, convenientemente analizada, antes  da sexta rolda. A organización designará un xurado para outorgar este premio especial.