As ludotecas do Nadal mergúllanse no mundo da espionaxe

40

As ludotecas de Nadal do Concello volven este ano con máis forza e temática renovada. Os rapaces poderán mergullarse no mundo da espionaxe con divertidos xogos pola cidade ou ben introducirse na lingua inglesa ao tempo que xogan.
O programa foi presentado hoxe polo concelleiro de Educación, Agustín Fernández, acompañado de Alberto Pita, presidente da Federación de Asociacións de Nais e Pais (Fanpa-Pontevedra). Ambos destacaron a aposta institucional, ano tras ano, pola conciliación da vida familiar coa laboral. As ludotecas son financiadas pola Concellería a través dun convenio global coa Fanpa, que inclúe tamén o programa de  verán. O importe total é de 55.000 euros.
As ludotecas manteñen o rango de idade (de 3 a 12 anos) e a oferta para un total de 240 alumnos. Un 10% das prazas están reservadas a nenos das familias atendidas nos Servizos Sociais municipais. Os horarios serán flexibles, entre as 9 e as 14 horas. En canto ao prezo, estableceuse, por primeira vez, un custo único de 30 euros (redúcese a 20 euros para familias numerosas e para o segundo fillo inscrito). Isto supón unha rebaixa de 10 euros na ludoteca de Inglés, pois o ano pasado o prezo era de 40 euros.
As tres Escolas de Nadal, centralizadas nos colexios de Barcelos, Campolongo e Álvarez Limeses, celebraranse entre o 24 de decembro e o 4 de xaneiro. Divídense en dúas actividades ben distintas.
“Un Nadal detectivesco” é o programa principal. Desenvolverase en Barcelos e Campolongo, con 80 prazas en cada centro.
Polas rúas de Pontevedra andará solto unha personaxe que quere arruinar o Nadal e se propón roubar os agasallos da noite de Reis. Os pequenos detectives deberán atrapalo. Disporán de pistas valiosas, como un mural coas principais rúas da Zona Monumental e, no día da excursión, atopalo cun xogo de pistas no Museo de Pontevedra.
As propostas de lecer para os nenos/as inclúen tamén obradoiros de xoias, búsqueda de tesouros, obradoiro de cociña, música tradicional, elaboración de códigos segredos, viaxe polos Nadais do mundo e obradoiros de decoración destas datas.
A segunda proposta, a ludoteca de Inglés, chega este ano co nome de “Spy Christmas”. Celebrarase no colexio Álvarez Limeses, cun total de 80 prazas.
Os nenos consolidarán conceptos en Inglés ao tempo que realizan actividades como obradoiros de cociña, elaboración de xoias, adornos ou xogan ao bingo ou ao “password”.
O prazo de inscrición comeza mañá martes e estará aberto ata o día 11. As familias interesadas deben cubrir a folla de inscrición e entregala, xunto coa documentación adicional, de 9.30 a 13.30 horas e de 17.00 a 20.00 horas na sede da FANPA (rúa Alfonso XIII 7, terceiro andar). A ficha pode descargarse directamente do sitio www.nontedurmas.org.
A documentación necesaria é fotocopia do DNI da nai/pai/titor e do neno/a ou libro de familia, fotocopia da tarxeta sanitaria, fotografía carné, acreditación de familia numerosa, declaración xurada de familia monoparental, certificado escolar ou documento que acredite que o neno estuda nun colexio público de Pontevedra, empadroamento ou certificación de convivencia e número de conta bancaria.
A selección realizarase a partir da puntuación nun baremo que dá prioridade aos nenos das familias con nai e pai que traballen ou monoparentais na mesma situación.