A Concellería de Educación dota ao Pavillón de Lérez dun acceso independente ao colexio

74

O Pavillón de Lérez contará cun acceso independente ao colexio. Cúmprese así unha vella demanda tanto da comunidade escolar como de diversos colectivos da parroquia, que vai permitir a utilización da instalación deportiva sen depender dos horarios escolares.
O concelleiro de Educación e Deportes, Agustín Fernández, visitou hoxe as obras, que contan cun orzamento de 52.619 euros. Está previsto o seu remate para mediados de xaneiro.
Os traballos consisten na habilitación dun acceso peonil seguindo o perímetro do peche do colexio. O acceso estará pavimentado en louseta e contará cun ancho de entre 1,50 e 2 metros segundo os tramos. A lonxitude total supera os 100 metros. O percorrido é completamente accesible para persoas con mobilidade reducida.
A obra require da construción dun pequeno muro de contención e a execución dun peche para illar o acceso a unha zona do colexio.
Agustín Fernández indica que son varios os equipos e colectivos sociais que teñen solicitado a posibilidade de utilizar o pavillón nas fins de semana e, ata o de agora, atopábanse con serias dificultades. Con esta mellora, o problema queda resolto.