O alcalde visita os traballos de mantemento e coñece o funcionamento dos pasos canadianos do parque de Pontillón

50

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e o concelleiro de Monte Vivo, Demetrio Gómez visitaron esta mañá o parque forestal de Pontillón do Castro, na parroquia de Verducido, para coñecer os últimos traballos de mantemento do parque feitos para pasar, mellor posible, o inverno que está por vir. Estiveron acompañados da empresa que realizou os traballos así como os representantes dos criadores de cabalos de Verducido, solicitantes dos pasos canadianos que se acaban de instalar no parque.

Na súa visita aproveitaron para ver o funcionamento destes pasos instalados nas entradas o parque forestal. O obxectivo destes pasos é mellorar a seguridade viaria dado que os cabalos soían saír do parque e adentarse na estrada que bordea o encoro, chegando a producir certas situacións de perigo cos coches, especialmente en días de néboa. Tamén permite velar pola seguridade dos propios animais que permanecendo dentro do parque forestal non existen riscos pola súa vida.

Ademais, observaron os traballos de mantemento que se realizaron no parque para que pase o inverno nas mellores condicións. Rozas en todo o vaso do encoro ou reforestacións con especies autóctonas foron algúns dos pequenos traballos que se executaron nestas semanas, e se volverán repetir coa chegada da primavera para que o parque forestal do Pontillón estea nas mellores condicións para recibir ás ducias de visitantes que cada primavera e verán pasan por Pontillón.