O Concello de Pontevedra incrementa a colaboración que mantén co Padroado da Uned ao asinar esta tarde un convenio xunto coa Deputación e a propia Uned para a construción dunha aula magna de exames no centro de Monte Porreiro. O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores asinará este convenio que ten un valor total de 350.000 euros que serán achegados a partes iguais polas tres institucións.
O Concello de Pontevedra fará unha achega de 110.000 euros para a construción desta Aula magna. Este investimento vense a sumar aos 130.944 euros que o Concello de Pontevedra achegará en 2013 á Uned co seu convenio anual co Padroado da universidade e aos 9.400 euros que aporta para os cursos de verán. En total, máis de 250.000 euros que o Concello de Pontevedra achega á institución académica que ten unha matrícula de 6.000 alumnos, máis que a universidade presencial do campus local da Universidade de Vigo.
O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores xustificou a importancia da creación desta nova instalación para a Uned, co obxectivo de dar resposta a unha demanda de espazo para casos de exames cunha elevada matrícula, que na actualidade obrigaba a repartir en diferentes aulas aos examinados. Ao mesmo tempo tamén terá outros usos, como pode ser o de auditorio.