Agustín Fernández abre as Xornadas “Crise e Educación” con fortes críticas ao deterioro do Ensino Público

50

"Crise e Educación". Chega con este nome unha nova edición das Xornadas que organiza a organización de renovación pedagóxica Escola Viva, co apoio da Concellería de Educación. O evento foi presentado hoxe polo concelleiro, Agustín Fernández, e o presidente da asociación, Raúl Farto.

As xornadas comezan esta tarde e prolongaranse ata o próximo mércores, día 12. A inauguración correrá a cargo de Agustín Fernández. Ás 18.30 horas ofrécese a primeira conferencia a cargo de Mario Bedera Bravo, catedrático da Universidade de Valladolid e ex secretario de Estado de Educación e Formación Profesional. Protavoz de Educación do grupo socialista no Congreso dos Deputados. Será presentado por Guillermo Meijón, deputado socialista no Congreso e secretario xeral da Agrupación Socialista de Pontevedra.

Mañá martes, a xornada comeza ás 18.00 horas cunha ponencia titulada "LOE, LOMCE e crise", a cargo de Ernesto Gómez Rodríguez. Catedrático da Universidade de Málaga e presidente do Consello Escolar de Andalucía. Será presentado por Ramiro Sueiro, mestre e pedagogo.

O mércores ofrecerase unha mesa redonda. Ás 18.00 horas, baixo o título "O impacto da crise na Educación. Visión das Confederacións de Pais e Nais do alumnado". Participan Helena Gómez Vecino, presidenta de Confapa Galicia; Alberto Pita Castelo, presidente de Fanpas Pontevedra e Bertila Fernández Pérez, portavoz de Foanpas Olívica, de Vigo. Exerce como moderadora Montserrat García-Lastra, secretaria de Educación da Agrupación Socialista de Pontevedra e profesora de Secundaria. Ás 20 horas comeza o coloquio. Ás 20.30 horas elabóranse as conclusións das Xornadas e, finalmente, ás 21.00 horas procederase á clausura.

Agustín Fernández afirmou que estamos asistindo á desmontaxe do sector público, incluída a Educación. O concelleiro afirmou que o seu departamento, na medida das súas posibilidades, debe ser "combativo" contra a nova reforma educativa á que cualificou como "ultraconservadora, ultraliberal e ultraideolóxica".

O responsable municipal dixo que o novo borrador da Lei Orgánica de Mellora da Calidade da Educación é mercantilista (como demostra o seu preámbulo) e só foi consensuada coa Igrexa Católica e os amigos do ministro. Ademais, engadiu, utiliza a bandeira de España para enfrontarse coas comunidades autónomas con lingua propia.

Fernández recalcou que o Goberno carece de lexitimidade para tomar este tipo de medidas. A lexitimidade, explicou, procede dunha elección democrática, pero tamén do cumprimento das promesas e os programas. Cando se incumpren sistematicamente as promesas, e mesmo se fai todo o contrario, o Goberno queda deslexitimado.

Raúl Farto destacou que resulta insólito que toda a comunidade educativa, salvo sectores moi concretos como a Conferencia Episcopal e os empresarios do Ensino Privado, se teña levantado contra este segundo borrador da Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE). Engadiu que o programa das Xornadas recolle perfectamente este malestar, porque mentres nos dos primeiros días terán a voz os docentes, na terceira xornada tocaralle a quenda ás nais e pais, tamén moi afectados pola reforma na que se pretenden reducir as competencias dos consellos escolares e o funcionamento democrático dos centros.