Novo prazo para solicitar espazo no Centro de Iniciativas Empresariais da rúa de Santa Clara

71

Ata o próximo día 27 deste mes de decembro está aberto o prazo para optar aos locais do Centro de Iniciativas Empresariais (CIE) que o Concello vai abrir no edificio da rúa de Santa Clara, número 4.
As bases son as mesmas que as da primeira convocatoria, que concluíu coa adxudicación dos dous primeiros locais aos proxectos presentados pola asesoría de consumo “Emma Verdes” e a “Sociedade Xestora Interortho”. O primeiro está soportado por unha  emprendedora e o segundo, por tres emprendedores pontevedreses.
Nesta segunda convocatoria adxudicaranse os catro módulos restantes. O “viveiro”, situado nas antigas oficinas da Concellería de Promoción Económica, ofrecerá tamén unha sala de xuntas, diversos servizos comúns e asesoramento empresarial.
Os adxudicatarios asinarán un primeiro contrato por seis meses, ao que se poden acumular prórrogas ata un máximo de dous anos. Pagarán prezos simbólicos que oscilan entre os 80,77 euros ao mes dos locais simples e os 161,55 euros mensuais dos dobres. Tamén é posible compartir local cunha tarifa de 56,54 euros mensuais.
A día de hoxe, confirma a concelleira Carlota Román, xa hai un número de interesados superior ao número de locais dispoñibles, pero a súa intención é que a convocatoria chegue a todos os emprendedores da cidade para garantir a selección dos mellores proxectos.
Román opina que a posta en marcha do CIE era unha medida obrigada diante da forte crise económica e das escasas oportunidades de emprego. Isto obriga ás Administracións a aguzar o enxeño e a poñer en marcha todo tipo de ideas para facilitar o acceso ao mercado laboral e, especialmente, na modalidade do autoemprego.