Un ano máis celebrarase a Feira do Turismo de Galicia, Ferpalia, aínda que con importantes cambios con respecto ao formato habitual. Esta vixésima edición, entre o venres, 14 e o domingo, 16 de decembro, sae do Recinto Feiral para instalarse na Alameda.
A feira foi presentada hoxe na Cámara de Comercio, nun acto encabezado polo seu presidente, Antonio Gómez Rivera, e no que interviron a concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, e o empresario Juan García. Trátase dun evento comercial, aberto ao público e dirixido ao turismo, a gastronomía e o viño. A entrada é gratuíta.
A prezos populares será posible gozar da maridaxe entre viños de varias denominacións de orixe galegas e especialidades gastronómicas "de culler". Demostracións en vivo, degustacións de pratos tradicionais e de nova expresión e un "show cooking" completan a oferta, xunto cunha tenda na que se ofrecerán os diferentes produtos presentados.
O horario será de 11 a 14 horas e de 17 a 21 horas. A mediodía abre a zona bar. Como reforzo organizarase un "flashmob" na praza da Peregrina o próximo sábado ás 17 horas. Os 300 primeiros asistentes recibirán un agasallo. A protagonista do acto será a choiva. Para elo recrearán a mítica escena da película "Cantando baixo a choiva" O obxectivo é poñer en valor esta característica tan representativa do clima galego e que, erroneamente, vese como un inconvinte para a nosa promoción turística.
O salón contará coa presenza institucional do Principado de Asturias, Turismo de Pontevedra, Turgalicia, Federación Provincial de Hostelería e as denominacións de orixe Rías Bixas, Monterrei, Valdeorras, Ribeira Sacra e Ribeiro.
Carlota Román destacou a forte aposta da Concellería de Promoción Económica polas feiras, eventos e congresos. Boa proba delo é o convenio de colaboración coa Cámara de Comercio, que este ano fixo posible a celebración de Pomóvil, e agora Ferpalia. Insistiu en que este compromiso é unha mostra de responsabilidade. Non obstante, avogou pola necesidade da máxima colaboración institucional, especialmente nestes tempos nos que hai escaseza económica.
Gómez Rivera admitiu que hai certa dose de "test" nesta vixésima edición. Ferpalia sae do Recinto Feiral, condicionada tamén, en certa medida, polo feito de que se ten separado a bolsa de contratación turística, que asumiu a Deputación.
Juan García, responsable da empresa organizadora ("El Rincón de los Sentidos"), explicou a idea de recuperar o espazo público para un evento destas características. Lembrou que a Alameda era un espazo central na convivencia da cidade e agardou que coa elección desta situación se dignifique e se encha de contido esta nova edición de Ferpalia.