Continúa Pisando Forte cos cursos de Manipulador de alimentos e Facturación e control de almacén

32

Continúa o programación de formación á mocidade desempregada Pisando Forte, organizado pola Concellaría de Xuventude, que dirixe Demetrio Gómez, co segundo dos tres cursos de "Manipulador de Alimentos. O curso celebrarase mañá martes 11 de decembro  en horario de 10 a 13horas na Casa azul.

Os cursos de manipulador de alimentos teñen moita demanda entre a xente nova e o Concello de Pontevedra facilita a mozos e mozas desempregadas a adquisición gratuíta desta titulación que se require para o traballo en hostalaría e alimentación.

O pasado mes de outubro celebrouse o primeiro curso no que participaron 20 mozos/as e nesta ocasión serán outras 24 persoas. O 30 de xaneiro realizarase o terceiro dos cursos programados este ano pola Concellaría de Xuventude e agárdase, de cara ao ano que vén, seguir propoñendo este tipo de formación para a xente nova desempregada e de xeito gratuíto.

Por outra banda, o luns, mércores e venres desta semana continúa o curso de Facturación e control de almacén tamén na Casa Azul en horario de 17 a 19h. e no que están a participar 18 mozos e mozas de entre os 16 e os 35 anos.  Trátase dun curso sobre a xestión e control do traballo diario dunha empresa ou comercio, o control de stock de almacén, orzamentos, pedidos, albaráns, facturas, recibos, liquidación de axentes, control de cobros e pagos, etc.  Cunha duración de 30 horas, este curso desenvolverase ata o 16 de xaneiro de 2013.

Dende a Concellaría de Xuventude destácase a boa aceptación que está tendo o programa Pisando Forte que cubriu todas as súas prazas (e incluso ten amplas listas de espera), que este ano incrementou notablemente as accións formativas, dándolle aínda maior peso á formación orientada ao emprego e a mellorar as competencias persoais para ter, polo menos, a posibilidade de optar ao mercado laboral, especialmente difícil para o colectivo da xente nova.