A Concellería de Deportes recoñece a traxectoria do parataekwondista pontevedrés Santi Malvar

39

Compartir os éxitos e axudar a planificar o futuro foi o obxecto da recepción que o concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, ofreceu hoxe ao parataekwondista do “Mace Sport”, Santi Malvar.
Malvar, de 35 anos, vén de acadar a medalla de bronce no Mundial celebrado en Aruba, onde competiu lesionado, o que lle impediu optar a un obxectivo aínda máis ambicioso.
O deportista acudiu co diploma e a medalla, unha máis que se suma á exitosa traxectoria do club pontevedrés, un dos máis laureados da cidade.
Santiago Malvar comezou a practicar o taekwondo aos 10 anos no colexio e abandonou este deporte a raíz da realización do Servizo Militar e a súa incorporación ao mundo laboral, o que o levou por varios puntos de España.
No ano 2004 foi diagnosticado de dúas enfermidades dexenerativas (o síndrome de Arnold Chiari e siringomielia) que lle provocaron a perda de mobilidade nunha perda e serias complicacións físicas.
No ano 2008 retornou a Pontevedra e retomou a práctica do taekwondo no seo do “Mace Sport”. A partir de aí, e co seu esforzo diario, foi recuperando funcionalidade ata o punto que, como el mesmo destaca, pasou de case non poder andar a moverse libremente co apoio dun bastón, elemento que cada vez utiliza menos.
Malvar, exemplo de superación, explicou que está satisfeito dos seus últimos éxitos (dous terceiros postos no Europeo de Moscú e no Mundial de Aruba), pero chegou o momento de aspirar á medalla de ouro. O obxectivo está posto no próximo Mundial, en decembro do ano próximo, en Dakar.