Ferpalia se reinventa na Alameda de Pontevedra cunha atractiva oferta gastronómica e enolóxica de Galicia e Asturias

86

A XX edición de Ferpalia, salón do Turismo, abriu hoxe as súas portas na Alameda. A inauguración, marcada polo temporal, estivo presidida polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e contou tamén coa presenza do tenente de alcalde, Antón Louro, e a concelleira de Turismo, Carlota Román. O acto inaugural substituíu o tradicional corte da cinta cunha cerimonia de "retirada de paraugas".

A feira estará aberta entre as 11 a 14 e de 17 a 21 horas durante os próximos tres días. Estruturada en varias carpas unidas por itinerarios-pasarelas de madeira presta este ano especial protagonismo á gastronomía e ao enoturismo. O evento está organizado pola Cámara de Comercio coa axuda económica do Concello de Pontevedra, a través da Concellería de Turismo.

Pontevedra, Galicia e Asturias son os protagonistas desta cita. A oferta asturiana é un dos alicientes da feira coa zona ocupada pola oficina turística do Principado cun apartado especial para a súa gastronomía a través do programa "Saboreando Asturias". De feito, ás 12.30 de hoxe comezou o primeiro "showcooking" titulado "produtos tradicionais, novos enfoques", a cargo do cociñeiro Daniel Pérez. A partir das 17.30 horas e cada media hora haberá unha cata comentada de queixos asturianos.

En Ferpalia é posible obter información turística detallada de todos estes destinos, das distintas denominacións de orixe dos viños galegos e tamén gozar da gastronomía de culler, con pratos de alta calidade. Hai tamén unha tenda onde se comercializan os distintos produtos.

O Concello de Sanxenxo, cuxa alcaldesa, Catalina González, asistiu á inauguración, conta tamén con protagonismo propio. Sanxenxo amosa a súa oferta turística e sortea entre os visitantes ao salón dous fins de semana en réxime de aloxamento e almorzo cedidos polo Hotel Oca Galatea e o Hotel a Costeira, así como cinco cheques regalo para dúas persoas en restaurantes da localidade e diverso "merchandising".

Finalmente, a Federación de Empresarios de Hostalería de Pontevedra (Feprohos) participa en Ferpalia coa intención de promocionar o seu servizo de emprego. O empresario do sector dispón así dun servizo de procura de candidatos ao perfil que demanda o hostaleiro á asociación, para poder cubrir así unha variedade de postos desde camareiros a cociñeiros ou axudantes de cociña. Levan máis de dez anos seleccionando profesionais do sector da hostalería.

Ferpalia terá tamén un apartado novidoso coa celebración, este próximo sábado, dun "flashmob" dedicado á choiva como elemento diferencial da paisaxe e a cultura galega. Agárdase que varios centos de persoas participen nunha coreografía baseada na película "Bailando baixo a choiva".