Unha cerimonia de pinchado de globos serve para inaugurar “Pontexogos”, a campaña máis divertida de apoio ao comercio local

43

Non houbo cinta inaugural. Houbo unha cortina de globos que as autoridades pincharon con entusiasmo para acceder ao recinto. Quedou así aberto "Pontexogos", a campaña que combina o apoio ao comercio durante o período de Nadal co lecer para os máis pequenos. A concelleira de Promoción Económica, Emprego e Turismo, Carlota Román, encabezou o acto. Asistiron invitados os presidentes de Aempe e o Centro Comercial Urbano Zona Monumental, José María Corujo e Miguel Lago.

Un tiovivo, unha carpa de actividades e atractivos xogos na rúa compoñen a oferta lúdica da que se pode gozar na ampla carpa da praza de España. Perfectamente organizadas, ofrécense actividades para nenos/as de 3 a 12 anos. Todas son gratuítas, co único requisito de presentar un recibo de compra do comercio pontevedrés.

A campaña chega cunha mensaxe positivista. A súa imaxe é unha nena, con roupa de Nadal, e o lema “Que non nos quiten a ilusión!”. Como dixo Carlota Román, xa está ben de previsións catastrofistas e de asustar á xente.

Desenvolverase entre o 14 de decembro e o 4 de xaneiro. O recinto estará aberto de 11 a 13.30 horas e de 17 a 20 horas. Aínda que só en horario de tarde durante as xornadas dos días 14, 17, 18, 19, 20 e 21 de decembro. Pechará por descanso durante as festividades dos días 25 de decembro e 1 de xaneiro.

Para acceder basta con presentar o comprobante de compra (de calquera importe e de calquera establecemento) na caseta de información turística (o cubo acristalado), onde será cambiado por un “pasaporte” válido para realizar unha viaxe por todas as estacións de “Pontexogos”. En cada unha delas esixirase a presentación do “pasaporte”, que será selado polo monitor. Cada día haberá que renovar a “documentación” cun novo recibo de compra.

Todos os días, diante da carpa colocarase a programación xeral de actividades especiais para cada xornada.

O tiovivo volverá ser a estrela da programación. Cada rolda durará entre 4 e 5 minutos.

O complemento perfecto será a carpa de actividades que funciona como ludoteca orientada a nenos de 3 a 6 anos e tamén para rapaces de 7 a 12 anos. Para os máis pequenos ofreceranse xogos de psicomotricidade, xogos simbólicos, xoguetes de construción e o curruncho do artista. Os maiores terán tamén xogos de mesa sobredimensionados, futbolín, zancos, aros, bolos, anelase xogos de estratexia.

Pero non queda aí, porque a carpa acollerá tamén estacións de saltariqueiros (con pelotas e inchables), estación de xogos e bailes do mundo e, finalmente, a estación de creadores, onde poderán facerse actividades tan curiosas como elaborar un reno con noces, papiroflexia, calceta, estampación con verduras, adornos de Nadal, xoias, maquillaxe, globoflexia, experimentos, creación dun conto e pompas de xabrón.

En canto ás actividades especiais, haberá gags de humor, animación musical, contacontos, malabares e circo, concursos, cine e maxia.

A oferta final chega cos Xogos na Rúa, que se ofrecerán, en días puntuais, sempre que o tempo o permita, no exterior da carpa da praza de España. Entre eles, xogos de canastra, xogos populares, adaptados e xogos con paracaídas.

“Pontexogos” ofertará tamén un recuncho para que a rapazada poda escribir as súas cartas aos Reis Magos e depositalos na caixa de correo que se entregará directamente a Papá Noel e as Súas Maxestades de Oriente, que visitarán o recinto nas vésperas das súas chegadas.