O Concello de Pontevedra mantén en alerta todos os servizos de emerxencia da cidade pola climatoloxía adversa destas últimas horas. Bombeiros, policía, protección civil, as brigadas municipais, as empresas concesionarias e empresas privadas especializadas forman parte deste operativo, que tivo especial traballo a partir desta mañá, segundo explicou a concelleira responsable de Protección Cidadá, Carme da Silva.
A noite foi, máis ou menos, tranquila e producíronse algunhas incidencias como o movemento de colectores de lixo de carga frontal porque ao estar valeiros móvense con certa facilidade. Rexistrouse a caída dunha maceta en Daniel de la Sota e o desprendemento dalgunha loseta.
Pola mañá as incidencias foron maiores cunha gran saída dos servizos de emerxencia:
• Árbores caídas ou con risco de caída: Cacheiro, Recinto Feiral, Monte Porreiro, Instituto Xunqueira II (avisada Consellería de Educación), Ramón Peña, avenida de Bos Aires (cortouse a rúa por posible caída sobre tendido eléctrico. Aberta ás 10.30 horas máis ou menos).
• Farola: Ponte Sampaio
• Galería na rúa Real
• Andamio en Manuel del Palacio (con risco de caída)
• Muros, postes: Canicouva, Verducido
• Uralita, losetas: Cuña Novás, Augusto García Sánchez
• Peche de edificio en Blanco Amor.
• Ponte da Barca, caída de planchas e outras que se retiraron por risco de caída
• Peche da avenida de Marín (dirección Marín-Pontevedra),á altura de Celulosas. Bombeiros tiveron que achicar durante moito tempo probablemente por obras do Nó de Celulosas.