A quinta edición de “PontedeTapas” bate records e acada as 38.400 unidades vendidas

61

“PontedeTapas”, o certame gastronómico por excelencia en Pontevedra, pechou días atrás con cifras que superan os seus mellores rexistros. Durante o certame, celebrado entre o de 23 de novembro e o 9 de decembro, vendéronse un total de 38.400 tapas.
As cifras foron presentadas hoxe pola concelleira de Promoción Económica, Emprego e Turismo, Carlota Román, e o responsable da Asociación de Hostaleiros (Hoaspo), Gustavo Sobral.
O impacto económico do concurso (calculado a unha media de 3 euros por participante: 1,50 euros da tapa e 1,50 euros de bebida) ascendeu ata os 115.200 euros. A liña ascendente queda clara ao comparar esta edición coa anterior (celebrada o pasado mes de xuño) cando foron 34.000 as tapas vendidas. E tamén se se compara coa última edición de outono, o pasado ano, cando acadáronse as 35.000 tapas.
A concelleira destacou que parece claro, seguindo a evolución histórica, que a edición de outono funciona mellor que a de primavera. Adiantou que haberá que estudar os orzamentos municipais do ano próximo e, se hai que priorizar, apostarase pola edición do outono. Outra posibilidade sería que os propios hostaleiros asumiran unha maior responsabilidade económica, pois ata o de agora corren co importe dos premios, mentres que o Concello con todos os gastos de organización, que suman uns 14.000 euros por edición.
En canto aos resultados, os gañadores foron:
Primeiro premio: Parador Nacional de Turismo, coa tapa “Bocado de terneira galega con foie acompañado de crema de calacú con crocante de queixo San Simón”. Obtivo 4.801 votos.
Segundo premio: Restaurante Cinco Puertas coa súa proposta “Capricho ibérico” (3.612 votos).
Terceiro premio: El Aleph, con “¿Crisis?… ¡Ría!” (3.124 votos).
Carlota Román destacou o axustado das votacións, con escasas diferencias entre os primeiros. Dos 44 locais participantes houbo 11 con moi boas votacións, mentres que só 5 obtiveron un número escaso ou malas cualificacións por parte do público.
A concelleira presidiu a continuación o sorteo dos 12 premios para o público participante. En cada caso sacáronse dúas papeletas, correspondentes ao titular e un suplente. A Oficina Turística municipal púxose en contacto hoxe con todos os gañadores para comunicarlles que a entrega está convocada para o próximo venres, ás 12.30 horas. Os que non atendan ao teléfono ou respondan ao correo electrónico, serán substituídos polos correspondentes suplentes.
O primeiro premio consiste nunha viaxe de catro días/tres noites a Budapest, valorada nuns 1.000 euros. O resto son cheques-regalo para consumir durante este Nadal no comercio local ou na Praza de Abastos.
Os gañadores son:
Viaxe a Budapest: Rosa López García (Pontevedra).
Cheque 400 euros: Rogelio Vázquez Argibay (Pontevedra).
Cheque 350 euros: Pablo Piñeiro Chapela (Pontevedra).
Cheque 300 euros: María Guillán Montero (Pontevedra).
Cheque 250 euros: Enrique Orza Ocampo (Poio).
Cheque 200 euros: Beatriz Berea González (Pontevedra).
Cheque 200 euros-Praza de Abastos: Sabela Estévez Cochón (Pontevedra).
Cheque 200 euros-Praza de Abastos: Marina Reboredo Reboredo (Meis).
Cheque 150 euros: Manoli Chéredes Pérez (Pontevedra).
Cheque 100 euros: Cristina Covelo Sánchez (Pontevedra).
Cheque 75 euros: Javier Méndez González (Pontevedra).
Cheque 75 euros: Anna Brackenridge (Moraña).
A Concellería subliñou que do total de 36.482 votos depositados nas urnas polo público houbo que invalidar 171 por non encher correctamente os datos identificativos.
A Concellería destacou o dato de que, desta volta, a sorte favoreceu maioritariamente aos participantes locais, cando noutras ocasións houbo moitos premios que recaeron en público procedente doutras localidades galegas, españolas e mesmo estranxeiros.
A web de PontedeTapas é boa proba desa expectación global despertada polo certame. Un 29,5% das visitas producíronse dende Pontevedra, un 22,6% dende Vigo, un 21,20% dende Madrid, un 6,1% dende A Coruña e un 3,1% dende Bilbao. O sitio rexistrou tamén entradas dende o Reino Unido, Irlanda, Estados Unidos, Portugal, Canadá, Suíza, Francia e México.
“PontedeTapas” aposta pola promoción na Internet dende a súa creación. Os datos corroboran o acertado da estratexia. As estatísticas amosan que un 45% das visitas producíronse dende dispositivos móbiles. En Facebook a páxina do certame acadou 500 seguidores e 381 followers en Twitter.