A Universidade de Vigo acometerá a primeira fase do proxecto de humanización do campus

68

A Comisión de Urbanismo ditaminou hoxe favorablemente a primera fase do proxecto de humanización do campus de Pontevedra. A obra abrangue unha superficie de 7.060 metros cadrados, situada entre a rotonda central do campus e o seu encontro co río e a Illa das Esculturas.
O proxecto, que foi presentado polo concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, reordena todo o espazo comprendido entre os edificios da facultade de Ciencias da Educación e a Escola de Fisioterapia. O orzamento da actuación, que emprende a Universidade, é de 451.406 euros.
A actuación é relativamente modesta, pero Louro adiantou que lle consta que a Universidade ten intención de ir estendendo a humanización a todo o campus, especialmente a todos os ocos intermedios entre os catro edificios que o compoñen. A seguinte fase ocuparase, así dos intersticios entre a facultade de Ciencias Sociais e Forestais e, progresivamente, ata o encontro coa área escolar da Xunqueira e o centro urbano.
O máis importante deste proxecto, destacou, é que mellora substancialmente a accesibilidade en toda esta área, actualmente moi deteriorada por unha mala planificación no seu día, a base de bordillos, pavimentacións de adoquín que deron mal resultado, farois máis propios dun polígono industrial… Agora faise un profundo cambio de materiais e apóstase pola peonalización e as zonas verdes.

O proxecto crea dúas sendas peonís que permiten conectar o aparcamento, que queda na parte superior, a entrada dos edificios de Ciencias da Educación e Fisioterapia e, finalmente, a Escola Infantil e, por extensión o paseo ao redor das Illa das Esculturas.
Na parte superior ordénase algo mellor a zona de estacionamento. Substitúese tamén totalmente o seu pavimento. Nun futuro plantéase ampliar esta praia de aparcamento ao dobre. Queda definido como un espazo multiuso, porque, polos materiais que se van utilizar, será posible utilizalo, en momentos concretos, como pista polideportiva.
Para optimizar a comunicación peonil entre ambas facultades e para salvar as diferencias de cotas, o equipo arquitectónico propón unha especie de escaleiras-grada (seguindo a forma da rotonda), que segue orientación Leste, con bo soleamento e que servirá tamén de punto de convivencia entre a comunidade docente. As sendas serán iluminadas por balizas, para o que se eliminarán os farois actuais, que se consideran inapropiados.

O proxecto ditaminado hoxe inclúe a colocación de novo mobiliario urbano, a plantación de céspede nas zonas verdes e a plantación de árbores na nova "praza" que se deseña entre Ciencias da Educación e Fisioterapia.