Pontevedra recibe o premio internacional Intermodes

70

O Concello de Pontevedra recibirá o vindeiro 6 de febreiro de 2013 o quinto Premio Intermodes, axencia europea especializada na intermodalidade de transportes e que traballa ao amparo da Unión Europea, no marco do Congreso Intermodes, que se celebrará no Auditorio Internacional de Bruxelas e que será inaugurado polo ministro de transportes da República de Irlanda,  Leo Varadkar, coincidindo coa presidencia semestral de Irlanda na Unión Europea.

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores deu a coñecer esta mañá a noticia, logo de que lle fora comunicada ao Concello na xornada de onte. Explicou que o obxecto do premio é a “exemplar política intermodal de tranporte de pasaxeiros”, especialmente quere recoñecer o Metrominuto “o primeiro mapa pedestre en Europa a modo de transporte público.

Fernández Lores recoñeceu que o premio é realmente un recoñecemento ao modelo urbano de Pontevedra “porque os desprazamentos son basicamente peonís”, e resulta todo un éxito para cidade e os pontevedreses recibir este gran premio internacional.

O alcalde destacou que a axencia Intermodes “fai os seus propios estudos, e non houbo ningunha proposta, senón que o premio é o resultado da análise que fai a propia axencia europea, que resalta un proxecto ou unha actuación. É a primeira cidade que é premiada polo seu modelo urbano: pola accesibilidade, mobilidade peonil, seguranza viaria…

Fernández Lores tamén lembrou que “este premio é un recoñecemento de moitos anos, de moitos técnicos, de moitos políticos, de moitas persoas que axudan e axudaron a construír esta cidade, con amor a Pontevedra, unha cidade para todos, especialmente pensada para as persoas que teñen máis dificultade para desplazarse”.

O alcalde de Pontevedra destacou que “este recoñecemento debe ser motivo de orgullo para os pontevedreses”. “E é un estímulo máis para traballar nesta liña como até o de agora”, concluíu Fernández Lores.
 

Ver documento PDF