Pontevedra, candidata a acoller o Campionato de Europa de Maratón-Piragüismo de 2015

68

A Concellería de Deportes presentou a candidatura de Pontevedra para acoller, en xuño de 2015, o Campionato de Europa de Maratón-Piragüismo. A nova foi dada a coñecer hoxe durante a recepción que o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro, Agustín Fernández, ofreceron aos palixeiros pontevedreses Óscar Graña (C-2) e Álvaro Fernández Fiuza (K-2), medallas de ouro e prata no recente Mundial da especialidade, celebrado en Roma.
A solicitude foi presentada o pasado verán. Pontevedra compite coa cidade eslovena do Lago Bohinj, pero as expectativas son realmente boas. A Federación Europea de Piragüismo decidirá entre os meses de febreiro e marzo,  despois da visita que o presidente do Comité de Maratón, o noruego Jorn Cronberg, visite Pontevedra. Durante a súa estancia supervisará o campo de regatas e as infraestruturas necesarias para o evento. Así están programadas visitas ao Pazo da Cultura e ao Centro de Tecnificación Deportiva. No tempo libre visitará o Centro Histórico e farase unha idea dos recursos turísticos pontevedreses.
O concelleiro de Deportes destacou que hai moi boas expectativas porque a candidatura está preparada concienzudamente. Está avalada por importantes deportistas, xuíces e organizadores de eventos relacionados co piragüismo. Entregouse un dossier que tivo moi boa acollida, así que, subliñou, os deberes están feitos e queda agardar.
O Campionato de Europa de Piragüismo-Maratón pode converterse no evento deportivo que produza un maior retorno socioeconómico de cantos se teñen celebrado na cidade. Agárdase a presenza dun milleiro de deportistas, pertencentes ás distintas seleccións nacionais, repartidos entre 500 e 600 barcos. Sumando técnicos e acompañantes, a afluencia total estará en torno ás 2.000 persoas. A elo hai que engadir que trátase dunha competición que abrangue case unha semana: de martes a domingo, polo que o número de pernoctas multiplícase.
A competición de Maratón estrutúrase nas categorías de C-1, C-2 e K-1 e K-2. E, por idades, junior, senior e veteranos.
O circuíto deseñado comeza na zona de Tafisa, onde se sitúan a saída e a chegada. Inclúe o remonte do río ata a zona da praia fluvial e a ponte de San Bieito, onde se daría a volta ata a ponte do Burgo. En total 4.200 metros dun campo de regatas ao que se darían case sete voltas ata chegar a cubrir a distancia de 20 Km.
A peculiaridade do Maratón é que inclúe, como unha das partes máis vistosas, un portexo, no que os piragüistas saen da auga e transportan a embarcación a pé. Situarémolo na entrada da Illa das Esculturas. Terá entre 150 e 300 metros. O punto de saída á auga será no entorno do Pazo da Cultura, fronte as oficinas da Policía Local. Isto obrigará a instalar dous pequenos pantaláns e a facer algún acondicionamento.
A organización implica ter tamén moi en conta a táboa de mareas para cadrar os horarios. Ao mesmo tempo, hai que instalar controis de pesaxe dos barcos, controis antidopaxe e un centro de prensa…
Se Pontevedra obtén a organización desta importante proba, no ano 2014 organizaría tamén o Campionato de España de Maratón sobre o mesmo circuíto e cunha estrutura moi semellante. Sería un test para calibrar todos os aspectos organizativos. Se todo saíra ben, o lóxico, segundo confirmaron o alcalde e o responsable de Deportes, sería apostar posteriormente polo Mundial.
A novidade foi moi ben acollida por Óscar Graña e Álvaro Fiuza. Ambos agradeceron a recepción no Concello e dixeron que lles dá folgos para seguir traballando, día a día, co obxectivo acadar novos trunfos deportivos. Fiuza recalcou que este tipo de apoio énchelle especialmente, porque hai algún tempo que reside e compite en Oviedo, pero leva a Pontevedra “moi dentro”.