Pontevedra prepárase para acoller a primeira edición da Noite Branca

73

Un total de 39 comercios locais participarán mañá na primeira Noite Branca, que organizan a Concellería de Promoción Económica, Emprego e Turismo e a facultade de Belas Artes. A cita é a partir da hora do peche comercial, as 20 horas, e prolongarase ata as 22 horas.
Os comercios ofrecerán descontos moi atractivos, que van do 5% ao 50%. Pero a Noite Branca vai máis alá e supón unha intervención artística en toda regra, que se focalizará nas rúas de César Boente e Sierra, é dicir, o eixe que pivota ao redor do Mercado de Abastos.
Alí, os artistas novos intervirán sobre seis escaparates de locais comerciais baleiros mediante a técnica de “branco de España”, que permite a removibilidade da intervención, con ilustracións e intervencións artísticas sorprendentes. O “branco de España” é a pintura que cobre temporalmente os escaparates das tendas pechadas ou en proceso de renovación. Crearanse así sorprendentes lenzos de cristal que impactarán ao viandante. Durante os días previos será posible observar o proceso de elaboración, xerando así expectación entre o público. As intervencións son obra de Hugo Aldatz, Sergio Alfonsín, Marta Cerviño, María Prada, Marta González, Fortes e O'Ras.
A Noite Branca será tamén unha ruta autoguiada. Utilizarase como recurso señalético a colocación de globos con leds interiores nas rúas onde se sitúan os comercios participantes, onde se poden atopar os descontos da promoción. Deste xeito facilitarase a visibilidade da proposta e o seguimento para os clientes.
Os comercios participantes son:
A Moda d'Abaixo (Soportais), Cestigal (Real), Chamonix (Manuel Quiroga), Classa (San Román), Comercial Deportiva (Padre Luis), Coqueta (Michelena), Delirius (plaza Méndez Núñez), Diana Mendoza (Soportais), El Aleph (Figueroa), El armario de Audrey (San Román), Ernesto Filgueira (Méndez Núñez), Ernesto Filgueira (César Boente), Fíbula (San Román), Gangas (César Boente), Gelee (praza da Verdura), Hazme reír e hijos (San Román), Lolina (Valentín García Escudero), Mercería La Bienvenida (Sierra), Mercería La Esquina (César Boente), Mercería Merchi (Real), Mercería O Arco (Don Gonzalo), Merche Fotografía (Padre Sarmiento), Natura (Michelena), Nerea (praza da Verdura), Olalla (Valentín García Escudero), Pasarela (Michelena), Pasitos (Soportais), Perfumería Luis (Michelena), Pilar Álvarez (Mercado), Poete (Manuel Quiroga), Sastrería Tres Rías (Real), Tempus (Don Gonzalo), Yves Rocher (Michelena), Zapata (Manuel Quiroga), Floristería Soportales (Soportais), Bross (Soportais), M. Barcia (Don Gonzalo), Casual (Padre Sarmiento) e Librería Cao (Méndez Núñez).
O último elemento será a posta en marcha dun Mercadillo artístico na Casa da Luz, composto por propostas artísticas de 10 estudantes e egresados da Facultade de Belas Artes. Estará operativo en horario de 9.30 a 14 horas e de 16.30 horas á medianoite. Na convocatoria realizada polo Decanato resultaron elixidos Alberto Santos, Daniel Diéguez, Pajaritas sin más, Marta Cerviño, Hugo Aldatz, Maya Kapouski, Marta D. Lloria e Yeray Suárez, María Prada, Marly Carballal e Rebeca López.