Exposición de Ricardo Campos

33

Lugar: Galería About Art

Horario: de martes a venres, de 11 a 14 e de 17:30 a 20:30 h. Sábados, de 11 a 14 h.

Exposición de Ricardo Campos, na que o artista portugués presenta unha serie de obras pictóricas con tematica pouco habitual nos espazos de arte contemporáneo, dedicada á Pasión de Cristo, ao sufrimento humano mellor construído na historia.

Sen ánimo de seguir as modas ou as tendencias artísticas do momento na nosa Comunidade, nin de relacionar a obra exposta coa época do Nadal, a galería About Art presenta ao artista portugués coa serie de crucifixións, piedades e descendementos de Cristo na Cruz xa exposta en lugares como o Mosteiro de Oseira, o Mosteiro de San Julián de Samos, Mosteiro de S. Martinho de Tibaes ou a mesma Roma, e que o próximo mes de febreiro viaxará á Igrexa de San Denís de París. Por primeira vez estas obras expóñense nun espazo laico, unha galería de arte.

Trátase de pinturas ao óleo ou de técnica mixta sobre diversos soportes como tea, aluminio ou papel; esteticamente próximas ás características do Expresionismo e do Informalismo Europeo, cunha forte vinculación á obra de Emilio Vedova.
Ricardo de Campos defende unha arte persoal e intuitiva dando primicia aos sentimentos, aos sentidos e á liberdade. É unha visión subxectiva en tons fríos ou en gama de grises e negros, expostos de modo violento, xestual, xa que a liberdade na súa obra reside en todo o proceso creativo, dende a expresión, á execución, forma, materia; podendo apreciarse o gusto pola mancha e o azar.

O conxunto de trazos aplicados con absoluta soltura, condúcennos a unha imaxe composta por figuras illadas e abstractas, situadas nun espazo indefinido, case romántico; onde a dor física, o sufrimento do espírito e o medo humano se fai evidente nesta serie dedicada á Paixón.