O acordo de suspensión de licenzas durante un ano para fornos crematorios entra en vigor mañá sábado

79

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio do Concello de Pontevedra sobre a suspensión de licenzas, por un período dun ano, para instalacións de crematorios de cadáveres.
A publicación cumplimenta o requisito de eficacia do acto administrativo, polo que a suspensión entrará en vigor mañá, día 22 de decembro.
A Concellería de Urbanismo dispón agora dun ano para presentar unha modificación do Plan Xeral de Ordenación Urbana que regule as condicións nas que se outorgarán as licenzas para este tipo de instalacións.

Durante as últimas semanas, dende que a suspensión fora aprobada no Pleno ordinario do pasado mes de novembro, procedeuse á notificación individualizada ás catro empresas solicitantes deste tipo de instalacións fúnebres e á publicación de anuncios no Diario Oficial de Galicia e nun xornal. A publicación no DOG pecha os requisitos para a entrada en vigor da medida.

O concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, pide tranquilidade e sentido común a todas as partes para que o resultado final sexa que Pontevedra regule adecuadamente esta cuestión, facendo compatible os lexítimos dereitos dos veciños alarmados pola proliferación de proxectos xurdidos nos últimos meses, e o interese xeral da cidade para dotarse dun servizo do que ata o de agora carece.

 

http://www.xunta.es/dog/Publicados/2012/20121221/AnuncioL238-301112-0006_gl.html