As ludotecas de Nadal fan posible a conciliación da vida familiar coa laboral durante as vacacións escolares

71

As ludotecas do Nadal, que organiza a Concellería de Educación a través da colaboración da Federación de Asociacións de Nais e Pais (Fanpa Pontevedra), están en plena actividade. O responsable municipal, Agustín Fernández, tivo ocasión de comprobalo durante a visita que hoxe realizou a un dos colexios nos que se está a desenvolver a actividade.
Fernández destacou que do total de 240 prazas ofertadas, cubríronse 168, o que supón un 70%. O programa desenvólvese en tres colexios, cunha capacidade para 80 nenos/as en cada un deles. No Álvarez Limeses matriculáronse 67 rapaces, 57 en Barcelos e 44 en Campolongo.
O concelleiro indicou que diante deste nivel de demanda, algo inferior a dos últimos anos, redimensionará o programa (sen reducir o investimento global en Educación) de cara o próximo curso, co fin de adaptar a oferta ao número real de solicitudes. Fernández recalca que o fin último é propiciar a conciliación da vida familiar coa laboral durante as datas das vacacións de verán e Nadal. Sospeita o concelleiro de Educación que a crise económica tamén incide neste ámbito e, cos actuais índices de paro, algúns pais e nais decidiron coidar eles mesmos dos fillos e, ademais, aforrarse uns cartos.
As ludotecas están dirixidas a nenos/as de 3 a 12 anos. Os horarios son flexibles, entre as 9 e as 14 horas. En canto ao prezo teñen un custo de 30 euros. Estarán operativas ata o 4 de xaneiro incluído.
“Un Nadal detectivesco” é o fío temático principal. Está a desenvolverse en Barcelos e Campolongo, con 80 prazas en cada centro. Polas rúas de Pontevedra andará solto unha personaxe que quere arruinar o Nadal e se propón roubar os agasallos da noite de Reis. Os pequenos detectives deberán atrapalo. Disporán de pistas valiosas, como un mural coas principais rúas da Zona Monumental e, no día da excursión, atopalo cun xogo de pistas no Museo de Pontevedra.
A segunda proposta, a ludoteca de Inglés, chega este ano co nome de “Spy Christmas”. Está a funcionar no colexio Álvarez Limeses, cun total de 80 prazas. Os nenos consolidarán conceptos en Inglés ao tempo que realizan actividades como obradoiros de cociña, elaboración de xoias, adornos ou xogan ao bingo ou ao “password”.
O programa de ludotecas está financiado integramente pola Concellería de Educación a través dun convenio global coa Fanpa, que inclúe tamén o programa de  verán. O importe total é de 55.000 euros.