Deportes inicia o procedemento para reformar a piscina de Campolongo e construír o Centro Lúdico da Parda

74

A Xunta Reitora do Instituto Municipal de Deportes (IMD) aprobou hoxe o estudo de viabilidade presentado pola actual concesionaria da piscina de Campolongo (Serviocio) para reformar completamente esta instalación e acometer as obras do futuro Centro Lúdico-Deportivo da Parda. O acordo fai posible a execución dunhas instalacións valoradas en máis de 5,3 millóns de euros.
O estudo de viabilidade será agora exposto ao público durante o período dun mes. A continuación, unha vez estudadas as posibles alegacións, iniciarase o procedemento para a licitación da concesión. Agustín Fernández indicou que, sexa cal sexa a concesionaria final, as obras de Campolongo poderán comezar durante o verán (está previsto un peche duns catro meses) e, a continuación, acometeríanse as obras na Parda, que estarían rematadas para o verán de 2014. O prazo total de execución sería, deste xeito, dun ano.
O concelleiro de Deportes subliñou que a proposta preliminar da empresa suxire un período concesional de 40 anos e sen canon anual. Sen embargo, cando se aproben os pregos de condicións do concurso será o momento de decidir se se valora un maior investimento nas obras, a redución do período concesional ou o pago dun canon anual. Haberá tamén que valorar se resulta factible o aproveitamento dalgunha das estruturas semiconstruídas na Parda.
Os dous representantes do Partido Popular na Xunta Reitora do IMD votaron en contra.

O concelleiro destacou o beneficio que supón captar un investimento moi superior aos 5 millóns de euros na cidade, sobre todo cando unha parte das obras a realizar (as do complexo da Parda) están destinadas a solucionar a desidia da Xunta, que as abandonou á intemperie en 2009, e alí seguen, cos ferros á vista e invadidas pola vexetación.
O edil indicou que o estudo de viabilidade introduce unha “proposta básica” e amosouse convencido de que as empresas licitadoras introducirán importantes melloras. Nada está pechado, por tanto, recalcou. O único claro é que o tamaño das piscinas proxectadas no seu día é totalmente insuficiente.
Por outra banda, Fernández enfatizou que o acordo municipal permite a continuidade do persoal da piscina de Campolongo. Son 45 traballadores que, ao non poderse prorrogar a actual concesión, corrían risco de perder os seus postos de traballo. Agora os seus contratos serán asumidos pola nova concesionaria e o prego de condicións serán moi esixente neste aspecto.

Obras

As obras para modernizar a piscina de Campolongo consistirán, como mínimo, nunha demolición parcial da actual estrutura. O novo edificio ampliaríase ata o límite para ocupar a totalidade da parcela dotacional (cara a igrexa de San Xosé) e unha renovación completa do andar baixo (nivel de acceso), así como o saneamento do forxado do teito e a remodelación das pistas deportivas en superficie. Os vasos, así como todas as instalacións serían completamente substituídos. Estudarase a posibilidade dun ascensor para comunicar os distintos niveis.
A piscina contaría en andar baixo con vestíbulo e control de accesos; dous vestiarios xerais; dous vestiarios infantís; piscina deportiva (25×12,5 metros) e vaso polivalente (14×6 metros); zona SPA; cafetería e oficinas. No soto haberá unha sala de fitness (530 metros cadrados): cardiovascular e musculación, tres salas de actividades (180, 130 e 100 metros cadrados, respectivamente) e sala de instalacións.
Na Parda, a proposta de mínimos presentada á Concellería de Deportes ofrece a urbanización completa de toda a parcela, incluíndo a conexión de todos os servizos. O espazo quedaría configurado con dúas piscinas cunha lámina de auga mínima de 500 metros cadrados; catro pistas de pádel, edificio de acceso con Recepción, vestiarios e cafetería; aparcadoiro, con capacidade para 100 coches; zona verde, de 2.000 metros cadrados e, finalmente, parque infantil, de 250 metros cadrados. O proxecto non contempla, inicialmente, o aproveitamento das infraestruturas a medio construír.
A decisión municipal de aceptar o estudo de viabilidade de “Serviocio” adóptase despois de que o Concello denunciara o convenio para a construción do Complexo Lúdico-Deportivo da Parda. O concelleiro de Deportes xa reclamou á Xunta, diante do incumprimento dos seus compromisos nesta actuación, que compense á cidade colaborando na execución dun pavillón para a práctica da especialidade de ximnasia.