O Concello convenia coa Deputación o primeiro treito da Ronda Urbana

77

O primeiro treito da Ronda Urbana propiamente dita foi protagonista hoxe dunha Xunta Municipal de Goberno urxente, que deu luz verde á construción dun treito entre O Marco e Montecelo. Será a través dun convenio coa Deputación polo que se investirán 2,42 millóns de euros.

Este primeiro treito da Ronda —o máis demandado— nace na zona da gasoliñeira do Marco, coa intención de mellorar as comunicacións en toda a zona leste da capital e en especial o acceso ao complexo Príncipe Felipe e ao Hospital Montecelo, moi dificultoso desde o sur. A obra substituirá o actual atallo que conforman as rúas das Pereiras, das Olivas e Ángel Limeses, claramente insuficientes para o tráfico que soportan na actualidade.
 
Do conxunto da obra, o concello aportará 1,46 millóns e a deputación 960.000 euros. A obra propiamente dita (1,8 millóns) será financiada ao 50% por cada administración, se ben o municipio corre cos gastos das expropiacións (estimadas en 560.000 euros) e a Deputación co importe da redacción do proxecto, estimado en 60.000 euros.
 
O Concello aportará xa este ano 500.000 euros, que transferirá inmediatamente á Deputación, deixando os 400.000 euros restantes para os próximos 3 anos. A Deputación divide os seus 900.000 euros entre 2013 e 2015.
 
Esta obra, realizada pola cooperación entre duas administracións como o vial e ponte que unen Médico Ballina e Monte Porreiro, tamén coa Deputación, ou a Ponte das Correntes, na que participaron a Xunta e o Concello. Todas estas iniciativas estaban previstas no plano de infraestruturas viarias aprobadas na M4 entre as catro administracións con competencias nos viarios pontevedreses: Concello, Deputación, Xunta e Ministerio de Fomento.