O concurso de escaparates de outono pechouse con maior calidade e un maior número de comercios participantes

54

Os establecementos comerciais “Zapata” (Manuel Quiroga, 9), “D´Baño&Hogar” (praza de San José, 2) e “Natlacha” (Galerías Peregrina, 7) foron os tres gañadores do concurso de escaparates de outono “Ponte en Nadal”.
A concelleira de Promoción Económica, Emprego e Turismo, Carlota Román, deu a coñecer hoxe o resultado das deliberacións do xurado, despois de visitar as propostas dos 47 establecementos participantes. Os tres gañadores obtiveron senllos premios de 500, 300 e 200 euros, respectivamente, ademais do diploma acreditativo.
O xurado valorou no caso de “Zapata” a calidade do seu escenario de Nadal, unha composición perfecta e a teatralización dos produtos. En “D´Baño&Hogar”, a coordinación de varios ambientes, a limpeza e perfecta coordinación que conducen á venta cruzada de produtos diversos. Finalmente, en “Natlacha”, a simplicidade e a mestura de colores e materiais nun escaparate valorado como tecnicamente perfecto.
A concelleira procedeu, a continuación, a extraer as papeletas dos 10 gañadores dos cheques-compra por valor de 20 euros para gastar no comercio local. Foron sorteados entre o público que fixo compras nos comercios participantes no certame entre as datas do 29 de novembro e o 15 de decembro pasados.
Os gañadores resultaron ser as persoas que, nos cupóns se identificaron como: Blanca Suárez, Míriam Esperón, Jorge Martínez, Pilar Rodríguez Blanco, Natalia, Margarita, David López, Míriam López, Fernando e Elena Pablo Lorenzo.
A concelleira de Promoción Económica amosou a súa satisfacción polo crecemento na participación e tamén pola maior calidade das propostas dos participantes. Notouse unha clara melloría con respecto ao primeiro concurso, celebrado na pasada primavera. Ademais, destacou o feito de que se estendeu por diversas zonas da cidade, máis alá do Centro Histórico e das rúas máis comerciais do centro. Román subliñou que os escaparates tamén son calidade urbana, crean paisaxe e incitan á circulación peonil da xente.
O fin último deste concurso, engadiu, é incentivar a modernización do comercio local a través do escaparatismo. Os escaparates, destacou, son tamén parte da imaxe que unha cidade ofrece non só aos seus propios habitantes, senón tamén aos visitantes, polo que se queremos un comercio moderno e competitivo, necesitamos estar en permanente innovación e cambio.
O xurado estivo presidido pola concelleira e houbo representantes do Centro Comercial Urbano Zona Monumental, Aempe, dos medios de comunicación e a escaparatista profesional Cani Juncal.