Pontevedra vístese de gala para recibir as súas maxestades os Reis Magos de Oriente

28

Os Reis Magos de Oriente volverán a sentir o calor e a ilusión de centos de nenos pontevedreses este sábado, 5 de xaneiro, a partir das 18.00 horas coa tradicional Cabalgata que discurrirá polas principais rúas da cidade.

A chegada dos Reis Magos á cidade está prevista para as 10.45 horas. Chegarán á lomos de cabalos, acompañados do seu séquito e cos camelos que portarán parte dos agasallos que deixarán nos fogares dos nenos pontevedreses esa noite.

As súas maxestades dirixiranse cara ao Pazo de Mugartegui onde se celebrará a tradicional recepción oficial. Partirán dende os arredores do Concello pola rúa Michelena, Peregrina, Paseo Antonio Odriozola, Pasantería, Sarmiento, César Boente, Pedreira até o Pazo de Mugartegui para iniciar a recepción ás 11.00 horas, e rematar sobre as 14.00 horas. Neste encontro os nenos terán a oportunidade de coñecer aos Reis Magos e trasladarlles todas as súas peticións para esta noite.

Tamén no Pazo de Mugartegui, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores dará a benvida á nosa cidade ás súas maxestades, e pedirálles que sexan xenerosos cos cativos pontevedreses que este ano foron moi bos, segundo a información da que dispón a Concellaría de Festas.

Todos aqueles nenos que teñan que esperar o seu turno para ser recibidos por Melchor, Gaspar e Baltasar na praza da Pedreira, poderán gozar de actividades de lecer e animación que a Concellaría de Festas ten programadas para esa mañá na praza.

Logo dun reparador descanso, as súas maxestades subiránse a carrozas reais para participar na tradicional Cabalgata de Reis que comezará ás 18.00 horas partindo dende Loureiro Crespo, Benito Corbal, Peregrina, Michelena, praza de España e Alameda. Neste percorrido as súas maxestades agasallarán a nenos e maiores con 1.000 kilos de doces, aptos para celíacos.

A comitiva que acompañará aos Reis Magos de Oriente é a seguinte:

• Banda de Música de Salcedo
• Grupo de Cabalería
• Carroza Capitán Garfo
• Malabraistas, percusionistas e bailaríns árabes.
• “Os de algures”
• Árbore de Nadal
• Carroza Oso Panda
• O Yeti
• Charanga Charandonga
• Xigantes
• Duendes de Nadal
• Carroza a Música
• Airiños da Fracha
• Grupo de pastores
• Camelos
• Xoguetes
• Carroza do Rei Melchor “Touro persa”
• Dragóns
• Charanga Apeles
• Globadores Imposibles
• Carroza do Rei Gaspar “Isis Exicia”
• Monecos de neve
• Cabezudos + Zancudos Saltaríns
• Erase unha vez…
• Carroza do Rei Baltasar “Esfinxe Leonada”
• Os Quintilláns

A Concellaría de Festas volveu a consensuar coas asociacións de comerciantes da cidade a hora de partida da Cabalgata que, por segundo ano consecutivo, adiantou a súa hora de saída ás 18.00 horas. Trátase dun horario que favorece tanto aos nenos que poden recollerse antes aos seus fogares para agardar (durmindo) a chegada dos Reis Magos, así como para as súas maxestades que poderán facer compras de última hora no comercio local, xa que nesta xornada pechará arredor das 20.30 horas.