“Pontexogos” pecha as súas portas con case 20.000 visitas

41

O evento máis popular do Nadal pontevedrés chega hoxe ao seu fin. “Pontexogos” remata despois de 20 días de frenética actividade, nos que case 20.000 rapaces pasaron polas instalacións da praza de España para gozar das actividades da carpa e o tiovivo.
A concelleira de Promoción Económica, Emprego e Turismo, Carlota Román, visitou hoxe o recinto lúdico para poñer punto final a unha actividade que xa está plenamente consolidada. Román amosouse encantada das cifras de asistencia que, a falta de contabilizar as entradas desta última xornada, chegaban xa onte ás 18.098 visitas.
A concelleira subliñou que nun total de oito xornadas (sen contabilizar a de hoxe) superouse a cifra de 1.000 asistentes. A afluencia está a ser masiva dende o venres, 28 de decembro, achegándose (agás o luns) ás 2.000 persoas por día. O récord chegou onte, xoves, cun total de 1.800 rapaces e rapazas.
O peche do programa, que estivo a cargo da firma pontevedresa “Anias”, foi realzado cunha actividade especial na rúa, para o que se ocupou parte da avenida de Montero Ríos e dos xardíns fronte á estatua dos Heroes de Ponte Sampaio.
Nenos e pais puideron así gozar dun total de 30 xogos únicos para todas as idades fabricados con materiais reciclados (dende un somier, ata rodas de bicicleta ou tarteiras de cociña) pensados para fomentar a habilidade. Os xogos pertencen a unha colección única creada por unha empresa catalá que ten representación en Galicia a través da firma “Garabato de xogos”. Esta colección única pasou nos últimos meses pola Guaiana francesa, Porto Rico, Niza e Barcelona.
A oferta complementouse cun circuíto de karts a pedais que, como se agardaba, fixo boa competencia ao tiovivo.
“Pontexogos” é unha actividade deseñada pola Concellería de Promoción Económica para proporcionar alternativas de lecer aos nenos de 3 a 12 anos. Para o acceso ao recinto esixiuse a presentación dun tique de compra no comercio local. O obxectivo, subliñou Carlota Román, era o de apoiar ao comercio nesta dura campaña de Nadal e, ademais, proporcionar aos pais un lugar onde deixar aos nenos mentres facían as súas compras. O recinto permaneceu aberto entre o 14 de decembro e o 4 de xaneiro na praza de España.
A campaña chegou acompañada dun cartel no que unha nena dá un brinco ataviada con roupa de inverno e un gorro de Papá Noel. O lema elixido foi “Que non nos quiten a ilusión!”, unha mensaxe positiva, coa que, en palabras de Román, pretendeuse poñer un contrapunto a tanto pesimismo oficial e cifras catastrofistas.