Máis de 120.000 euros en obras de emerxencia

83

O Concello de Pontevedra acometerá dende o luns obras até en 20 rúas distintas da cidade para subsanar problemas en lousas e lastros de espazos peonís da cidade que se viron moi danados cos temporais e as fortes chuvias do pasado mes de decembro. O concelleiro Luís Bará presentou esta mañá este "plan de choque" para a conservación e mantemento de espazos e vías urbanas danados cos últimos temporais e que comportan un risco para os peóns como caídas e accedentes. É unha actuación que se acomete pola vía de emerxencia, polo que as obras serán aprobadas na Xunta de Goberno de luns e poderán comezar con carácter inmediato.

Os técnicos municipais fixeron durante os pasados días visitas a distintos espazos peonís da cidade para coñecer os problemas e elaborouse un expediente que se tramou polo procedemento de urxencia. Acometerase a mellora dos arredores do Colexio Froebel (rúa da Barca, Rotonda Concepción Arenal, Ferreiros…); a porta de Travancas; o cruzamento da Audiencia; a rúa Peregrina, entre Daniel de la Sota e a fonte dos nenos; a avenida de Vigo; a zona comercial de Loureiro Crespo, Sagasta, Benito Corbal, Castelao…; Padre Luís, Santa María, Arcebispo Malvar…

O custe destas obras é de 122.000 euros, que se complementarán ao longo do ano cos contratos anuais de mantemento das vías públicas de 241.000 euros nas vías urbanas e 121.000 euros no centro histórico. Para a primavera poderán porse en marcha estes contratos.

Ademais, e ao longo do 2013, estes contratos complementaranse con outras actuacións que ascenderán o investimento global a un millón de euros.

O concelleiro responsable do centro histórico, Luís Bará tamén informou que o vindeiro luns reanúdanse as obras de eliminación de barreiras arquitectónicas na praza da Ferraría. Abrirase o Paseo de Odriozola onde haberá que facer unha escavación importante para a instalación dun transformador de Fenosa.

O concelleiro tamén informou que no prazo de 15 días poderá informar aos veciños da praza de Valentín García Escudero do calendario de obra para o soterramento do xacemento arqueolóxico. Chegou ao Concello nestes días o informe do Consello de Contas sobre a rescisión do contrato coa empresa que executaría a obra e o valora en 42.000 euros, inferiror a un dos dous informes elaborado polo Concello.

Este informe permite desbloquear os fondos de case 700.000 euros para a obra, que se executará por fases, unha vez que se teña negociado e acordado a intervención coa Dirección Xeral de Patrimonio, tanto en Pontevedra como en Santiago, e co Padroado do Camiño de Santiago, que tamén pasa pola praza.