Comeza, cunha visita ao Recinto Feiral, a preparación dos Campionatos de España de Tenis de Mesa

74

A celebración dun evento como os Campionatos de España de Tenis de Mesa supón un importante reto loxístico e organizativo. Para pechar detalles como a colocación de todas as áreas de xogo, ademais das gradas e tarimas necesarias, o concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, estivo na mañá de hoxe no Recinto Feiral, acompañando á comitiva da Federación Española, que chegou encabezada polo directivo Daniel Valero Tuinenburg.
O pavillón feiral ten que acoller, en preto de 3.000 metros cadrados, un total de 41 mesas, reservar áreas para os árbitros e técnicos, gradas para o público e facilitar un control de accesos ordenado, que teña moi presente a seguridade e os plans de evacuación.
O evento, no que participarán uns 1.000 deportistas, vai ter unha grande repercusión socioeconómica. Calcúlase nunhas 2.000 persoas o mínimo de asistentes, o que garante o 100% de ocupación hoteleira. Os campionatos celebraranse nas modalidades open, individual, parellas e por equipos, ademais das persoas con discapacidade física ou intelectual.
O Campionato de España e as Copas das Súas Maxestades os Reis será a primeira gran proba deportiva que a cidade acollerá neste ano 2013. Será entre o sábado, 23 de febreiro e o domingo, 3 de marzo. Abranguerá todas as categorías de idade, dende benxamín ás categorías absolutas, agás as probas de  veteranos, que terán lugar en Almería. Trátase da terceira vez que se opta pola fórmula conxunta do Campionato de España-Copa do Rei-Copa da Raíña, que parece asentada despois do éxito das dúas últimas edicións.
Agustín Fernández considera que Pontevedra comeza o ano con moi bo pé, ao acoller unha competición tan interesante, cun forte poder de convocatoria, e que vai contribuír a incrementar, aínda máis, o prestixio da cidade como organizadora de grandes citas deportivas.