Agustín Fernández pecha coa Federación Galega de Piragüismo un calendario con 13 eventos para este ano

67

A Concellería de Deportes e a Federación Galega de Piragüismo comezaron hoxe a definir o calendario de probas que Pontevedra acollerá durante este ano 2013. Aínda sen estar pechado, xa pode adiantarse que a cidade ten opcións moi claras para atraer un total de 13 probas, das que catro delas son competicións de ámbito nacional.
O concelleiro Agustín Fernández calcula que un total duns 5.000 palixeiros poden pasar por Pontevedra ao longo deste ano. Sumando os técnicos e acompañantes, a cifra final superará as 15.000 persoas. Os principais impactos chegarán no mes de maio e en datas aínda por determinar durante o verán, coa celebración das dúas Copas de España e os dous Campionatos de España previstos.
Na xuntanza de hoxe estiveron presentes o presidente da Federación Galega, Alfredo Bea, xunto cos técnicos Jovino González e Tono Campos. Quedou acordada a sinatura dun convenio que terá un importe duns 20.000 euros para facer posible o pago dos cánones federativos para a celebración das probas e os gastos de organización. Ao tempo comezouse a falar da posibilidade de artellar un acordo coa Asociación de Hoteleiros de Pontevedra para ofertar uns prezos competitivos aos clubs.
Agustín Fernández destaca que despois do éxito deste ano, no que a cidade absorbeu boa parte da programación galega e española, cómpre seguir facendo un esforzo para manter a referencia pontevedresa nun deporte tan importante e vinculado coa cidade como é o piragüismo. Está moi ben que fagamos esforzos noutras modalidades, pero convén non esquecer aquelo que dá identidade propia ao deporte pontevedrés dende hai moitos anos, destacou.
Pontevedra opta a acoller en dúas fines de semana do mes de maio a Copa de España de 500 e 200 metros xuvenil e sénior e a Copa de España de 1.000 de Novas Promesas (cadetes). Cada unha delas garante a presenza de 500 deportistas e un mínimo do dobre de acompañantes.
Durante o verán, en datas aínda por confirmar, hai moitas opcións de acadar o Campionato de España Sénior e Júnior e o Campionato de España de Novas Promesas. Ambas probas celébranse sobre un calendario de tres días. A cifra de participantes sobe ata preto dos 800. A de acompañantes tamén se multiplicaría.
O calendario piragüístico pontevedrés incluiría tamén boa parte da programación da Federación Galega para este ano. Trátase do Control Galego de 5.000 (febreiro), Campionato Galego de 5.000 (febreiro), Campionato Galego de K-2 e C-2 (marzo), Campionato Galego de Pista (xullo) e, finalmente, a Festa da Piragua (agosto). Todas elas en Verducido.
No marco da XVIII Liga Galega de Ríos, o Lérez sería o escenario do Campionato Galego de Maratón, unha proba que está pensada como un primeiro ensaio de cara ao Campionato de España de 2014 e, posteriormente, se hai éxito na candidatura presentada pola cidade, o Europeo de 2015 desta disciplina.
Ao encoro de Verducido corresponderalle acoller novamente o Trofeo Príncipe de Asturias.
Tamén están fixadas catro probas dentro da XVIII Liga Galega de Promoción, que xa están programadas para o 9 de febreiro (río Lérez), 9 de marzo (Verducido), 20 de maio (Ponte Sampaio) e 2 de xuño (Verducido).
Finalmente, dentro da XVII Liga Galega de Kayak Polo está previsto o Campionato Galego, a disputarse en Verducido, o próximo 8 de setembro.