Carlota Román abre as portas á colaboración coa asociación de profesionais do turismo de Galicia

59

A asociación que agrupa aos profesionais do sector turístico de Galicia coñeceron hoxe a disponibilidade da Concellería de Turismo de Pontevedra para colaborar na organización de todo tipo de actividades e na promoción da cidade.
A concelleira, Carlota Román, recibiu á directiva da Asociación de Profesionais do Turismo de Galicia (Proturga), encabezada pola súa presidenta, Verónica Pichel. Nunha xuntanza celebrada na Casa da Luz, Román e os profesionais exploraron fórmulas de colaboración beneficiosas para ambas partes.
A responsable municipal ofreceu tamén a posibilidade de incorporar a Proturga á Oficina de Congresos de Pontevedra, ente encargado da captación e apoio a todo tipo de eventos feirais, congresuais e de negocios con sede na cidade.
Verónica Pichel agradeceu o recibimento na Concellería de Turismo e defendeu a necesidade de incrementar a colaboración público-privada no sector turístico, no que as iniciativas das institucións deben coordinarse ao máximo cos recursos dos profesionais e empresarios.  Proturga puxo sobre a mesa todo o elenco de servizos que son quen de prestar en materia de promoción da cidade.
Ambas partes quedaron emprazadas para explorar fórmulas concretas para canalizar esta vontade común.
Proturga é unha asociación creada no ano 2011 e que está a vivir unha revitalización nos últimos meses da man da nova directiva, que xa ten organizado diversos grupos de traballo. Contan, polo momento con 34 asociados, empresas colaboradoras e unha activa presenza na Internet, visible a través dunha web propia e perfís nas redes sociais. Na asociación teñen cabida todos as persoas con titulacións relacionadas co turismo, así como os profesionais cunha experiencia mínima de catro anos.